¿Para que serven as matemáticas que non serven para nada?
Demostrar que a investigación interesante en matemática deriva máis tarde ou máis cedo en aplicacións prácticas é a pretensión da conferencia que o profesor do Departamento de Álxebra da USC Leovigildo Alonso Tarrío pronunciará este luns 23, ás 17:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemática, enmarcada no ciclo ‘Unha Andaina pola Matemática’.
Baixo o divertido título ‘¿Para que serven as matemáticas que non serven para nada?’, Alonso explicará como a matemática posúe unha moi activa comunidade investigadora que persegue obxectivos internos de resolución de problemas e conxecturas orixinadas polo seu propio desenvolvemento e como moitas desas teorías teñen finalmente aplicacións á tecnoloxía que empregamos.
Falará dos CDs, das transaccións bancarias seguras e do diagnóstico mediante un escáner TAC, exemplos todos eles de emprego de matemáticas que non foron concibidas para a súa aplicación.