O Servizo de Deportes organiza no Monte Pedroso o Campionato Galego Universitario de Orientación

O Campionato Galego Universitario de Orientación, así como o Escolar, disputarase este sábado 21 no Monte Pedroso de Santiago. O centro de competición estará emprazado no parque a Granxa do Xesto e as acreditacións e entrega de dorsais poderá realizarse dende as 9.30 horas, mentres que a saída dos primeiros corredores está programada para ás 10.30 horas.
A competición desenvolverase na modalidade de orientación en liña de tipo individual contra reloxo. O terreo da competición presenta unha extensa rede de camiños e pistas, un desnivel medio-alto e zonas de moi diversas vexetación, ocupando as zonas de repoboación con piñeiros e con árbores autóctonas unha parte importante. A distribución vexetal do Pedroso alternará zonas de desprazamento rápido con outras nas que se ralentizará o desprazamento e dificultarase a visibilidade. Tamén existen amplas zonas de talado recente nas que a facilidade de transición varía segundo a cantidade de ramas, restos do talado, que cobran o chan.