O Servizo de Deportes da USC en Lugo colabora con diferentes entidades para a organización de campamentos deportivos
A Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, a través do Servizo de Deportes da USC no Campus de Lugo, chegaron a un acordo de colaboración coa Fundación Balogal do club de baloncesto Breogán e coa Asociación Deportiva e Cultural Lumieira para o desenvolvemento de campamentos de verán no Campus de Lugo. Ambas as programacións achegan unha atractiva oferta deportiva que vai desde fútbol, balonmán e baloncesto ata deportes de piscina e náuticos, pasando por rugby, hípica, karate, xadrez, piragüismo, béisbol, patinaxe, tenis de mesa, hóckey, atletismo, tiro con arco, golf, ciclismo, xogos alternativos e populares ou rutas de sendeirismo. Nas páxinas web do C.B. Breogán e da A.D.C. Lumieirapódese atopar toda a información necesaria, así como as follas de inscrición nas diferentes actividades. Os campamentos urbanos deportivos da A.D.C. Lumieira son de mañá e de tarde, mentres que os do C.B. Breogán son en horario de mañá. Os membros da comunidade universitaria teñen descontos sobre as tarifas establecidas.