O Servizo de Participación e Integración Universitaria abre o luns a matrícula por internet dos cursos para este cuadrimestre
O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC abre este luns 21 a matrícula por internet da súa oferta de cursos para este cuadrimestre. Polo de agora está prevista a segunda edición do de Formación de Voluntariado en Saúde Mental e dous cursos sobre habilidades persoais para a participación social e sobre o traballo en equipo nas Entidades de Iniciativa Social (EIS). A USC colabora dende 1995 co movemento asociativo no ámbito da saúde mental que axudou a montar unha liña de servizos asistenciais paralela aos hospitais e centros de saúde. Mais na actualidade precísanse novas solucións para as novas necesidades, o que pasa por unha formación máis específica e técnica, que mellore e faga máis eficaz o imprescindible traballo dos voluntarios e voluntarias. Esa é a finalidade do curso de formación de voluntariado en saúde mental que se desenvolverá en dúas fines de semana de febreiro e marzo. Axudar a potenciar as habilidades persoais dende un enfoque social é o propósito do outro curso que organiza a USC e que terá lugar no mes de marzo en Matemáticas. Participar na sociedade e nas estruturas creadas polo terceiro sector con criterios socialmente responsables axuda ao desenvolvemento da persoa, dos equipos e das habilidades individuais e colectivas e, ao mesmo tempo, favorece o asentamento e posta en marcha de estruturas e organizacións baseadas na participación social, o asociacionismo e o voluntariado, fundamentais para un máis xusto crecemento social. Por último, na oferta de cursos previstos ata o de agora para o segundo cuadrimestre figura outro, a desenvolver en abril, no que se aprenderá a traballar en equipo nas Entidades de Iniciativa Social (EIS), claros expoñentes do éxito desta maneira de operar e das súas bondades. O exemplo destas ONG axudará a explicar no curso como construír "sociedades de valores humanos indisolubles”.