Os servizos linguïsticos das tres universidades galegas convocan o XIV Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras
O Servizo de Normalización Lingüística da USC e da UDC e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo veñen de convocar, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a décimo cuarta edición do Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras, un certame aberto á participación, ben de xeito individual ou en grupos, de todos os membros da comunidade universitaria galega, así como dos seus centros adscritos.
O certame, que nesta edición ofrece dúas modalidades de participación, premiará con 1.200 euros a candidatura máis valorada na categoría de deseño dunha campaña normalizadora que desenvolva unha iniciativa orixinal que teña como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito universitario. Asemade, a idea para a promoción do galego que resulte máis valorada polos membros do tribunal encargado de fallar este certame, recibirá un premio en metálico de 800 euros.
O prazo para a presentación de candidaturas ao XIV Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras permanecerá aberto ata as 14.00 horas do 27 de setembro de 2017. As persoas ou grupos interesados en tomar parte neste certame, cuxas bases están accesibles na web, poderán presentar as súas respectivas propostas, a expensas da modalidade na que concorran, en calquera dos rexistros das tres universidades galegas.