Os servizos de normalización lingüística das universidades galegas convocan un novo Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras
Un ano máis os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas convocan, co financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras dirixido ao conxunto do sistema universitario galego. O prazo de presentación dos proxectos remata o 10 de novembro. O premio, que chega este ano á súa oitava edición, ten por obxectivos desenvolver accións innovadoras relacionadas coa planificación e a normalización lingüística, elaborar propostas que incentiven a investigación nos ámbitos da sociolingüística e planificación lingüística, promover a reflexión respecto da situación da lingua galega e aproveitar as potencialidades técnicas e científicas e os recursos humanos existentes nas tres universidades. Modalidades Entregaranse 3.000 euros para o deseño dunha campaña normalizadora que desenvolva unha iniciativa orixinal que teña como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito universitario e 1.500 a quen presente unha idea razoada para fomentar a lingua galega no ámbito universitario.