Unha nova sesión do ciclo 'Unha andaina polas matemáticas' explicará qué son e para qué serven os algoritmos xenéticos
‘Algoritmos xenéticos: qué son e para qué serven’ é o título da conferencia que pronunciará o vindeiro luns 26 a profesora do Departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña Mª Teresa Iglesias Otero nunha nova sesión do ciclo de divulgación científica ‘Unha andaina pola Matemática’. A intervención desenvolverase a partir das 17:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas.
Os algoritmos xenéticos son un tipo de algoritmos universais, que non dependen do problema a resolver e se inspiran na teoría da evolución de Darwin e nas leis de Mendel. Nesta sesión de ‘Unha Andaina pola Matemática’ María Teresa Iglesias describirá os datos básicos dos algoritmos xenéticos, insistindo no paralelismo entre esta linguaxe e o mundo da bioloxía xenética. Neste senso subliñará a importancia de termos como o de cruce, alelo, cromosoma, mutación, descendentes ou mellora xeracional, básicos nesta teoría matemática.A profesora Iglesias Otero ofrecerá ademais numerosas aplicacións da teoría de algoritmos xenéticos.