Nova sesión de papiroflexia na Facultade de Matemáticas
Os estudantes da Facultade de Matemáticas terán o vindeiro luns 19 unha nova ocasión de asistir a unha charla sobre papiroflexia na que se demostrará como xogando co papel se poden aprender matemáticas. A conferencia, que tivo a súa primeira sesión o pasado día 12, será ás 17:30 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas.
As encargadas de impartir esta charla do ciclo Unha andaina pola Matemática serán as profesoras Covadonga Blanco García, da Universidade da Coruña, e María Teresa Otero Suárez, do IES Antonio Fraguas de Santiago, ambas as dúas membros da Asociación Española de Papiroflexia.
Como explicarán na súa intervención, o origami (papiroflexia en xaponés) pode ser unha grande axuda na educación das matemáticas ao proporcionarlle ao profesor unha óptima ferramenta pedagóxica, ademais de desenvolver a psicomotricidade, fundamentalmente a psicomotricidade fina, así como a percepción espacial.
A destreza manual, a exactitude na realización do traballo e a súa relación con outras disciplinas como as artes son outros factores valorados polas docentes no ensino da papiroflexia, que motiva ao estudante a ser creativo “ao poder desenvolver os seus propios modelos e investigar a conexión que ten coa xeometría non só plana, senón tamén espacial”.