Ir o contido principal

Sete curtametraxes optan a premio no primeiro maratón de cinema ‘Ifindecurta’, no que participaron preto de 60 persoas

Participantes na primeira edición do maratón de cinema 'Ifindecurta'
Participantes na primeira edición do maratón de cinema 'Ifindecurta'
Os galardóns do xurado, dotado con 500 euros, e do público daranse a coñecer o 22 de xuño logo da proxección de todas as curtas na Praza de Santa María de Lugo

Sete curtametraxes optan a premio na primeira edición do maratón cinematográfico ‘Ifindecurta’, unha nova iniciativa artística impulsada pola área de Cultura do Campus Terra da USC e organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación e Concello de Lugo, a través da que se pretende contribuír á promoción do audiovisual galego e ao impulso de novos creadores en lingua galega.

Logo de tres xornadas maratonianas de traballo e creación, os preto de 60 participantes que integran os sete equipos inscritos para tomar parte na primeira edición do ‘Ifindecurta’, entregaron este luns as súas respectivas creacións audiovisuais nas oficinas da área de Cultura do campus de Lugo da USC. Paloma Lugilde, responsable da área de Cultura do campus de Lugo, e o coordinador do primeiro maratón cinematográfico ‘Ifindecurta’ foron os encargados de recibir as curtas presentadas e de certificar que se axustaban as bases polas que se rexe o certame. Unha vez rematado o prazo para a realización das curtas e trala súa entrega para concurso, o xurado do maratón cinematográfico ‘Ifindecurta’ avaliará nos vindeiros días a calidade das curtas presentadas para emitir so seu fallo o vindeiro 22 de xuño. A decisión do xurado darase a coñecer logo da proxección de todas as curtas nun acto aberto ao público que se desenvolverá, a partir das 22.00 horas, na Praza de Santa María de Lugo. Unha vez rematada a proxección das curtas, os organizadores do maratón cinematográfico recollerán os votos emitidos polos espectadores presentes e que servirán para determinar a curta premiada polo público, un galardón que non conta con dotación económica, pero que, do mesmo xeito que o premio outorgado polo xurado, si que permite a participación da curta seleccionada na fase de competición da próxima edición da Semana de Cine de Autor de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2016.