Ir o contido principal

Sete de cada dez maiores de 18 anos en Galicia realizan algún tipo de actividade física ou deportiva regularmente

De esquerda a dereita, Dolores Álvarez, Juan Viaño, José Ramón Lete e Constantino Arce (Foto: SERVIMAV-USC)
De esquerda a dereita, Dolores Álvarez, Juan Viaño, José Ramón Lete e Constantino Arce (Foto: SERVIMAV-USC)
A USC e a Secretaría Xeral para o Deporte presentaron un informe sobre os hábitos de actividade física e deportiva da poboación galega

En Galicia, o 70,75 % das persoas maiores de 18 anos realiza algún tipo de actividade física ou deportiva, un 15,65% máis respecto ao nivel rexistrado en 2007. A práctica da actividade física deixou de ser exclusiva das persoas máis novas ou das que viven en contornos urbanos. Estes son algunhas das conclusións que se desprenden do informe sobre os hábitos de actividade física e deportiva da poboación galega presentada este mércores 9 e que toman como base a opinión de 1.200 persoas dun total de 31 concellos galegos consultadas a finais do pasado ano 2013. O reitor Juan Viaño; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; e o director da Unidade de Psicoloxía Deportiva da USC, o profesor Constantino Arce, presentaron este mércores 9 en rolda de prensa as principais conclusións da enquisa sobre ‘Hábitos de actividade física e deportiva da poboación galega’. Os homes obteñen cifras máis altas, 73,74% fronte ao 68% das mulleres que realizan actividade física de xeito regular. Ademais, catro de cada dez galegos ou galegas teñen o hábito de camiñar de xeito regular ao longo da semana, hábito preferido para a práctica deportiva ou física para os/as maiores de 18 anos, seguida polo acondicionamento físico en ximnasio, nadar, correr, andar en bicicleta e o pádel, actividades que se sitúan entre as dez máis practicados con independencia do xénero. Neste senso, a maior presenza de homes acentúase na práctico do fútbol, fútbol sala, acondicionamento físico na casa e a caza. Pola contra, a presenza das mulleres é superior nas actividades aeróbicas con soporte musical, ximnasia de mantemento, pilates e ioga. 324,74 minutos semanais En canto aos tempos, galegos e galegas realizan actividades físicas ou deportivas unha media de 4,15 sesións semanais de 78,25 minutos, o que supón 324,74 minutos á semana, cantidade que duplica a recomendación da Organización Mundial da Saúde (de 150 minutos de actividade física semanal moderada). O primeiro motivo para a práctica deportiva e física é o coidado da saúde (40% das persoas enquisadas), seguido do goce que poidan producen estas actividades (30%), a pretensión de estar en forma e perder peso. Sedentarismo Fronte a quen practica algunha actividade, o informe detecta que tres de cada dez galegos/as de máis de 18 anos non teñen este hábito, dos que máis da metade son persoas que practicaron algún tipo de actividade con anterioridade ata que finalmente a abandonou. O traballo realizado pola Unidade de Psicoloxía Deportiva da USC estima que en Galicia hai uns 410.006 casos de abandono, preto do 20% da poboación maior de 18 anos. O motivo de abandono máis frecuente é a percepción de falta de tempo para practicar. Ademais, segundo os datos presentados, o 12,1% das persoas maiores de 18 anos (aproximadamente 289.425 galegos/as) nunca practicou actividade física ou deportiva con regularidade. Deste total, o 61,8% son mulleres. En cómputo global, os investigadores estiman que o sendentarismo afecta ao 6% da poboación galega maior de 18 anos. Recomendacións O informe serviu de base para realizar unha serie de recomendacións que arrancan subliñando a necesidade de seguir traballando a prol da igualdade de xénero, xa que aínda que se reduciron as diferenzas nas porcentaxes de práctica da actividade física ou deportiva entre homes e mulleres, “ segue existindo unha maior porcentaxe de homes que practica”. Ademais, o equipo redactor do informe aposta por transmitir a importancia da práctica de actividades físicas e deportivas dende a infancia, nas primeiras etapas educativas e nas primeiras experiencias destas actividades. Outra recomendación do estudo apunta á elaboración dun plan de promoción da actividade física no entorno laboral, en particular naqueles contextos nos que a actividade laboral se realiza sentado/a. En conxunto, o equipo de investigadores considera que a maioría das causas para o abandono deste hábitos ou a non práctica deportiva “son de natureza subxectiva, é dicir, non son insalvables.

Ligazóns relacionados:

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.07.2014.