Ir o contido principal

Sete obras compoñen a VIII Mostra de Teatro Cidade de Lugo

A compañía independente Gula Gula representará á USC

Sete representacións e unha conferencia compoñen a programación da oitava edición da Mostra de Teatro Cidade de Lugo, que organiza o Concello lugués coa colaboración da Vicerreitoría de Cultura da USC e a Escola Arte e Lecer Fingoi e que este ano coordina Palimoco Teatro.
Nesta mostra, que se desenvolverá dende o 4 ao 15 de xuño, participarán os grupos Achádego Teatro, Hipócrita Teatro e Nova Escena en representación do teatro afeccionado lugués; a compañía independente da USC Gula Gula, que amosará o teatro universitario; Matapiollos Teatro e Alberte Cabarcos, director da Aula de Teatro da USC no Campus de Lugo, representando ao teatro profesional; e a aula de teatro do Concello.
Todas as obras terán lugar ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire, agás a matutina do 12 de xuño que será na praza Maior. O prezo das entradas é de tres euros.
Esta cita co teatro inclúe tamén unha conferencia coloquio sobre ‘Dirección e posta en escena’ a cargo de Julián Herrero e Daniel Salgado. Será o venres 4 na sede da Fundación Caixa Galicia.
O programa da Mostra de Teatro Cidade de Lugo presentárono esta mañá na Casa Consistorial o Vicerreitor da USC Carlos Herrero; a concelleira de Cultura, Nuria Mundiña; a Directora da Escola de Arte e Lecer Fingoi, María Asunción Fernández; e a actriz Alba Fernández, en representación do grupo Palimoco Teatro. Durante o acto Alberte Cabarcos representou unha escena da obra O Emigrante.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2010.