A sétima edición do ‘Inside the Lab’ do CiTIUS retoma o formato presencial para achegar ao sector tecnolóxico os principais avances do centro

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC volveu abrir as súas portas este venres 1 de xullo para dar a coñecer ao sector tecnolóxico e á sociedade as oportunidades derivadas dos seus principais resultados de investigación. Esta sétima edición do encontro, de especial singularidade por coincidir co décimo aniversario da creación do centro e por recuperar a presencialidade total tras dous anos de limitacións pola pandemia, congregou das 10.00 ás 14.00 horas un gran número de visitantes que se achegaron a coñecer as novas tecnoloxías co selo do CiTIUS.
Entre as principais novidades da xornada, destacou a intervención do novo investigador vencellado ao centro, David Glowacki. O científico estadounidense, presentado recentemente nun acto público na Cidade da Cultura de Galicia, realizou unha demostración do seu traballo con tecnoloxías de Realidade Virtual, un ámbito que lidera a nivel mundial e que tamén centra o proxecto 'NanoVr', unha investigación financiada polo Consello Europeo de Investigación (ERC) con case dous millóns de euros que constituirá o seu primeiro desafío no CiTIUS

Canda esta demostración, a visita ao interior dos laboratorios tecnolóxicos da USC, incluía outros 11 puntos espallados polo centro, con información de primeira man sobre as tecnoloxías máis punteiras en distintos eidos. O deseño de chips, a lingüística, o procesado de imaxe médica, a exploración interactiva de datos ambientais, o agrupamento automático de series temporais, ou o mapeado e seguimento de datos mediante imaxes multi-hiperespectrais e técnicas LiDAR formaron parte dos resultados presentados na xornada. Entre estas fiestras abertas aos novos avances tecnolóxicos, o encontro volveu contar coa presenza de dúas spin-off do centro: Situm Technologies, que presentou o seu servizo de posicionamento en interiores e exteriores para teléfonos intelixentes con alta precisión, e InVerbis Analytics, que demostrou ante as persoas asistentes os pormenores da plataforma InVerbis, un servizo en liña que permite a análise e mellora dos procesos de negocio das organizacións coa finalidade de reducir custos e aumentar a súa produtividade.