Ir o contido principal

A sétima edición do Proxecto Mentoring conclúe coa entrega de diplomas ao estudantado e ás figuras mentoras participantes

Autoridades e participantes na sétima edición do proxecto 'Mentoring USC'. FOTO: Santi Alvite
Autoridades e participantes na sétima edición do proxecto 'Mentoring USC'. FOTO: Santi Alvite
Preto dun cento de profesionais e 80 estudantes tomaron parte nesta iniciativa ao longo do presente curso

O proxecto ‘Mentoring USC. Desenvolvemento Profesional’ celebrou este martes 5 de xullo o acto de clausura da súa sétima edición coa entrega de diplomas ás figuras mentoras e ao alumnado participante, nunha sesión presidida pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández, e coa participación da secretaría xeral da USC, Dulce María García Mella.

No curso 2021-2022, 80 estudantes e 98 mentoras e mentores tomaron parte nesta iniciativa que ten por obxectivo poñer en contacto o alumnado de mestrado, do último curso dos graos e as tituladas e titulados recentes co persoal directivo e profesional das empresas para que lles sirvan de orientación e apoio na busca de emprego e no desenvolvemento do seu proxecto profesional. Ao longo destas sete edicións, o proxecto 'Mentoring USC' superou  o medio milleiro de estudantes participantes e consolidou unha proposta que “conecta o alumnado co mercado laboral a través da relación directa con profesionais para ter unha visión privilexiada e autorizada sobre o contexto profesional”, afirmou Pilar Murias. En opinión da vicerreitora, esta é unha iniciativa con cifras estables e sólidas de participación e cunha “altísima” valoración.

Na quenda de intervención do acto de clausura deste programa, tamén interviñeron Sandra Cendón Denis, estudante do mestrado de Procesos de Formación, en representación do alumnado, e Gisela Mato Rivera, integrante de Financiera Maderera SA, en representación das mentoras e dos mentores do programa. Ambas coincidiron nunha valoración positiva da experiencia desenvolvida nos últimos meses e na súa capacidade para influír no desenvolvemento profesional pero tamén persoal das persoas participantes.

Mentoring USC

A sétima edición do proxecto ‘Mentoring USC’ estruturouse en dúas fases. A primeira delas, desenvolvida ao longo do primeiro cuadrimestre, permitiu ao alumnado participante facerse coas técnicas de elaboración de currículos por competencias, alén de deseñar e pautar un plan de acción para a súa carreira profesional. Esta primeira fase tamén incluíu accións formativas dirixidas a mentoras e mentores, con xornadas encamiñadas ao establecemento de redes nas que se facilitaron estratexias para a guía e seguimento do alumnado e para o intercambio de vivencias, reflexións e achegas entre as e os profesionais participantes.

Na segunda fase do programa, ao longo do segundo cuadrimestre, procedeuse a asignación das figuras mentoras en función da área formativa de cada estudante e dos seus intereses e obxectivos. O seu labor de asesoramento permitiulle ao alumnado profundar no coñecemento da área de traballo do seu interese, acceder a información sobre alternativas profesionais, clarificar as súas dúbidas sobre a profesión elixida, obter apoio para a definición do obxectivo profesional e dos itinerarios formativos máis axeitados para acadalo e mesmo adquirir coñecementos específicos e prácticos para o exercicio da profesión da mentora ou mentor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.07.2022.