A sétima edición da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios comeza na USC o vindeiro luns
O programa da sétima edición da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios botará a andar o vindeiro luns, día 5, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, onde se celebrará a apertura oficial deste encontro nun acto previsto para as 9:45 horas. Promovida dende a súa orixe pola USC, a Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios ábrese este ano á participación activa das outras dúas universidades galegas que acollerán cadansúa sesión do programa previsto. Neste senso, esta sétima edición aspira a consolidar ao encontro como o acontecemento anual de referencia no eido da Sociedade da Información en Galicia. O programa de actividades estenderase ata o vindeiro xoves, día 8.
A Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios é unha actividade de carácter anual promovida pola Fundación Sabiria e organizada polo Foro e-Gallaecia, entidade da que a USC é socia fundadora, cuxa finalidade é o desenvolvemento da Sociedade da Información. Ao longo das pasadas edicións, os contidos deste encontro internacional captaron dunha maneira evolutiva o interese e asistencia de tecnólogos, tanto directivos como técnicos, convertendo este foro tecnolóxico no punto de encontro máis prestixioso para a actualización anual de coñecementos neste eido. De feito, algúns profesionais das TIC consideran que este encontro é cualitativamente o máis importante da Península Ibérica.
Entre os seus obxectivos, a Semana pretende conseguir o máximo impacto social a través da socialización do coñecemento; manterse de forma consolidada como o punto de encontro anual en Galicia entre sociedade, empresarios, universidade e administración pública; seguir sendo o aglutinador do debate intelectual de técnicos e directores de tecnoloxía; e promover o acceso ao coñecemento tecnolóxico de Galicia.
O programa deste ano inclúe catro bloques temáticos sobre seguridade, bases de datos e programación, que se desenvolverá en Santiago de Compostela; software libre, na Universidade da Coruña; mobilidade e telecomunicacións, na Universidade de Vigo; e management e sociedade da información, novamente na USC.
Programa do luns 5A primeira sesión do encontro estará dedicada á seguridade, bases de datos e programación. Logo do acto de apertura oficial, o director do Departamento de Informática da Universidade Carlos III, Arturo Ribagorda, falará a partir das 10:00 horas sobre ‘A planificación da seguridade como un sistema global’. Deseguido, David Firvida, enxeñeiro de seguridade Inteco-Cert, presentará experiencias en incidentes de intrusión en empresas. O programa da mañá continuará coa asistencia de Miguel Ángel Davara Rodríguez, presidente de Davara&Davara e de lopdgest.com, para pronunciar un relatorio sobre ‘A aplicación da LOPD sobre os documentos en papel. Unha novidade longamente anunciada’. Completando a sesión matinal, Alfonso Arbaiza, director xeral de Fundetec, e Sixto Heredia, director de desenvolvemento de negocio de Panda Security, presentarán o informe europeo de seguridade na Peme.
Xa pola tarde, Claudio de la Riva Álvarez, da Universidade de Oviedo, abrirá ás 16:00 horas a quenda de intervencións falando sobre ‘Probas de software: prácticas, procesos e ferramentas durante o desenvolvemento’. A continuación, o director de consultoría de Practia Consulting, Eduardo Rodríguez Ringach, presentará o relatorio titulado ‘Aplicando un enfoque de enxeñaría de software á calidade de datos’, mentres que o director de Lambda Calidad y Tecnología, Javier Regueira Serrano, analizará experiencias de riscos de software.
Esta primeira xornada da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios rematará co relatorio ‘Consideración da seguridade no desenvolvemento de Sistemas de Información’ a cargo do docente da Universidade de Castela A Mancha Eduardo Fernández Medina. Ao día seguinte, o martes 6, os asistentes trasladaranse á Facultade de Informática da Universidade da Coruña onde se vai desenvolver o bloque temático relativo a software libre.
Os integrantes da comunidade universitaria interesados en inscribirse neste encontro aínda poden facelo dirixíndose ao correo electrónico atic [at] usc.es (atic[at]usc[dot]es).
Anteriores ediciónsAo longo das anteriores seis edicións, máis de 2.500 persoas pasaron pola Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios entre personalidades, relatores, asistentes e membros da organización. Deste total, preto de 2.200 foron os asistentes que acudiron ano tras ano á súa cita con este foro tecnolóxico.
En total, foron máis de 330 horas de relatorios, mesas redondas e debates con máis de 340 relatores ao longo de todos estes anos entre os que se atopaban os máis altos cargos da banca galega; representantes das principais empresas galegas e das maioría das delegacións de multinacionais establecidas en Galicia; directores xerais en España e Portugal de empresas multinacionais do sector tecnolóxico como Microsoft, Oracle, 3Com, Novell, IBM, Intel, Sun ou Vodafone; así como ‘gurús’ nacionais e internacionais sobre as materias abordadas.
Na lista de conferenciantes da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios atópanse nomes propios como os de Emilio Ontiveros, catedrático de Economía da Empresa; Marcelo D’Elia Branco, asesor da Presidencia da República de Brasil para a Sociedade da Información e impulsor do proxecto ‘Software Livre Brasil’; Mark Shuttleworth, sudafricano que se fixo multimillonario ao vender a súa tecnoloxía a Verisign e que empregou parte da súa fortuna en ser o segundo turista espacial da nave ‘Soyuz’; Enrique Dans, director da Área de Sistema se Tecnoloxías da Información do Instituto de Empresa; Jorge Valdano, ex futbolista e conferenciante sobre temas relacionados coa xestión empresarial; Piotr Sobolewski, especialista en sistemas informáticos de seguridade e creador da revista ‘Hakin9 Magazine’ e membro do grupo hakin9lab; Rudolh W. Giuliani, ex alcalde de Nova York; Rosa García, conselleira delegada de Microsoft Ibérica; ou Amparo Moraleda, presidenta de IBM para España e Portugal, entre moitos outros.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina web da Semana (http://www.e-gallaecia.com/ ).