Ir o contido principal

Sexo, drogas e información

Universitarios voluntarios achegan nas Facultades información de varios servizos institucionais
Universitarios voluntarios achegan nas Facultades información de varios servizos institucionais
Universitarios voluntarios achegan nas Facultades os servizos da UMAD, o Centro de Orientación Familiar, a Unidade de Desordes da Alimentación, a de Trastornos do Alcoholismo ou as de Saúde Mental

“Aínda que alguén preguntou por cuestións como a anorexia ou o cancro de útero, a maior parte da xente recolle información sobre drogas e sexo” comenta Catía Paz, estudante de terceiro de Química e voluntaria no posto de mediación informativa na Facultade de Xeografía e Historia. A súa labor, ao igual que a de dezasete compañeiros máis, consiste en dar a coñecer horarios, programas, servizos ou localización de diversos servizos institucionais, derivando a cada un deles aos estudantes que precisen dun asesoramento profesional e cualificado.
A iniciativa, organizada polo Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC e a Dirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias da Consellería de Sanidade, conta coa colaboración da UMAD, o Centro de Orientación Familiar, a Unidade de Desordenes da Alimentación, a Unidade de Trastornos do Alcoholismo ou as Unidades de Saúde Mental.
Un dos postos máis concorridos é o da Facultade de Psicoloxía onde Eduardo Villanueva indica que para poder entregar folletos todos os días “facemos números, e ata imos buscar caixas a aqueles centros con menos alumnos que o noso como Matemáticas”. Precisamente alí está a súa moza, Cristina Bernárdez, quen se animou con el a participar nunha iniciativa que “mellora a capacidade de comunicación co público”.
Cristina e Eduardo, ambos alumnos de quinto de Psicoloxía, coinciden en sinalar que a actividade serve para o seu futuro profesional onde están en contacto con moita da información que agora reparten. Este foi un dos motivos que os levou a anotarse, pero non todos pensaron igual. Catía apuntouse porque, ademais dos créditos de libre configuración, “precisaba acostumarme a falar máis coa xente descoñecida e perder o medo”.
Segundo Eduardo, os universitarios que acoden ao posto soen ser estudantes aínda que hai visitas “diferentes” como “un home que vén puntualmente ás 12:10 para recoller só condóns”. Porque, xunto cos folletos e guías, os rapaces entregan outros materiais, entre eles os anticonceptivos do Centro Quérote. “Teñen bastante éxito e as que máis se animan a buscalos son mulleres”, afirma convencida Catía.
Antes da posta en marcha da mediación informativa, os voluntarios asistiron a unhas xornadas sobre prevención en saúde mental, consumo de drogas e relacións afectivo sexuais que se desenvolveron a finais de 2007 na USC. Nestas sesións tratouse de preparar aos estudantes para dar información sobre distintos temas de interese nos que eles tamén son protagonistas, baseándose nos principios de educación entre iguais e nos proxectos de servizo e aprendizaxe.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.05.2008.