Ir o contido principal

Silvia Cernadas, autora do mellor póster da V Xornada Universitaria Galega en Xénero

Póster gañador
Póster gañador

‘Trala pegada das mulleres artistas. María Vinyals e a pintura do século XIX e comezos do XX’ é o título do traballo da investigadora da USC Silvia Cernadas Martínez que o venres gañou en Vigo o premio ao mellor póster da quinta edición da Xornada Universitaria Galega en Xénero.

O encontro, que este ano levaba por lema Transformando dende a universidade, organízano as oficinas e unidades de igualdade das tres universidades galegas e desenvólvese cada ano nunha delas, correspondéndolle este á Universidade viguesa.

O traballo de Silvia Cernadas, elixido entre os 24 presentados, versa sobre a escritora e feminista galega María Vinyals (1875-1940?), da que non existen moitas investigacións. En concreto, Cernadas centrou o póster na faceta menos coñecida da obra de Vinyals, a partir das achegas de varios materiais inéditos. Por un lado, a súa labor como pintora e debuxante e, por outro, a imaxe das mulleres nos retratos de comezos do século XX.

Ademais do póster premiado, acadaron un accésit María Carreiro e Cándido López, da UDC, por ‘ Figuras ocultas en el proyecto de la cocina moderna’ e Soledad Torres e Verónica Salgueiriño, da UVigo, por ‘“Elas Fan CienTec”. Promoviendo vocaciones femeninas científicas y tecnológicas en la Universidade de Vigo’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.07.2017.