O Simposio 2011 do ILG reafirma o seu compromiso coa innovación en materia de investigación lingüística
Textos, palabras e voces forman parte dunha secuencia lóxica á que o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) dará sentido no seu Simposio 2011, programado no ano de conmemoración do 40 aniversario deste centro de investigación a modo de “acto de compromiso coa innovación en materia de investigación lingüística”. O de 2011, ‘Textos, palabras e voces: corpora e ferramentas para a investigación lingüística’, mantén a finalidade de propiciar a reflexión sobre o estado da cuestión dunha determinada materia, impulsar avances na investigación en parcelas da lingüística galega desatendidas ou non abondo desenvoltas e contribuír á renovación en métodos e resultados. Esta nova edición, unha iniciativa que se desenvolve dende 2001 dedicada a temas específicos de interese, volta a súa atención á edición de textos (26 e 27 de outubro), á córpora de léxico dialectal (3 e 4 de novembro) e á córpora oral (10 e 11 de novembro). Partindo da idea de que os textos “son retallos de memoria escrita que van deixando os tempos no seu ronsel”, os seis participantes na sección de Edición de textos presentarán propostas froito dunha longa experiencia editora de textos medievais e modernos. A finalidade é ofrecer unha panorámica das tendencias actuais e dar novo alento metodolóxico e técnicos aos investigadores que no futuro máis inmediato lle corresponderá rescatar o patrimonio textual antigo con novas edicións. Polo que respecta á córpora de léxico dialectal, o simposio quere mostrar como o inventario de formas atesourado con métodos tradicionais pode ser sistematizado e ofrecido ao mundo en soportes modernos e con aplicacións innovadoras. Así convidáronse especialistas que traballan nesta liña e con proxectos noutros dominios lingüísticos próximos ao galego. Conscientes de que as “voces son o son que nos trae as vivencias”, o simposio volverá a súa ollada cara a conservación do material sonoro, permitindo a existencia dun patrimonio que “cómpre arrequentar con novas achegas e ao que cómpre tamén tirarlle o máximo partido para que contribúa ao coñecemento do que somos e do que falamos”, apuntan os promotores so Simposio. Así no bloque de Córpora Oral participarán investigadores que en dúas linguas próximas como son o catalán e o portugués están a traballar neste senso. Para acadar máis información, as persoas interesadas deberán dirixirse ao enderezo carolina.perez1 [at] rai.usc.es (carolina[dot]perez1[at]rai[dot]usc[dot]es) ou no teléfono 881.812.806, así como na páxina web do ILG (http://ilg.usc.es/ilgas/simposio_2011/).