Ir o contido principal

Un simposio afonda na EPS no manexo do solo e no aforro de custes enerxéticos en agricultura e regadío

A inscrición nas xornadas técnicas incluídas no programa, que se desenvolverá os días 21 e 22, é gratuíta e pode facerse a través do enderezo electrónico xan.neira@usc.es

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo mantén aberto o prazo de matrícula no simposio ‘Terra do Nabo’, unha actividade formativa e de divulgación organizada polo Grupo de Hidráulica e Hidroloxía da USC en colaboración coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia que se desenvolverá os días 21 e 22 de outubro.

As persoas interesadas en participar nas xornadas técnicas sobre manexo de solos e aforro de custes enerxéticos en agricultura e regadío incluídas neste simposio, poden enviar a solicitude de inscrición ao enderezo de correo electrónico xan.neira [at] usc.es (xan[dot]neira[at]usc[dot]es). A matrícula e libre e de balde para todas as persoas interesadas. O programa está inicialmente orientado a agricultores, gandeiros, silvicultores, técnicos, xestores, comunidades de regantes empresas do sector hidráulico e hidrolóxico, pero está aberto á participación de todas as persoas.

Estruturado en diversos relatorios, o programa destas xornadas abordará cuestións relacionadas coa dispoñibilidade e manexo de recursos hídricos, a gobernanza da auga en Galicia, tendencias na determinación das necesidades hídricas e no deseño de materiais de rega a presión, e, entre outros, co manexo agroecolóxico dos solos e cambio climático. A gandería ecolóxica e a súa alimentación, e a importancia do grelo na dieta atlántica son outras das cuestións que se tratarán no marco do simposio Terra do Nabo, en cuxa organización tamén colaboran a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) e a Sociedade Galega de Agroecoloxía (SOGA).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2015.