O simposio ‘Agroecoloxía, municipalismo e desenvolvemento rural’ cita en Lugo unhas 25 entidades de España e Portugal
O primeiro simposio ibérico ‘Agroecoloxía, municipalismo e desenvolvemento rural’ citará os vindeiros días 12 e 13 de decembro arredor de 25 entidades de España e Portugal na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, segundo adiantou este martes o vicepresidente da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) e profesor na Escola Politécnica Superior da USC, Xan Neira Seijo, e a deputada delegada da área de Medio Ambiente da Deputación Provincial de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, no acto de presentación “dun foro aberto que pretende servir de encontro, debate e posta en común de experiencias de vangarda en materia de municipalismo, desenvolvemento rural e transición agroecolóxica, dixo Neira. O programa do simposio ibérico ‘Agroecoloxía, municipalismo e desenvolvemento rural’ presenta unha estrutura flexible e aberta á participación de todas aquelas persoas interesadas nesta temática. Daquela, as entidades que xa formalizaron a súa inscrición, quedarán agrupadas en tres mesas de traballo cuxas temáticas versarán sobre formación, comercialización e compostaxe. Unha vez rematadas as sesións programadas na xornada do venres 12 de decembro, que comezará ás 9.00 horas co acto de inauguración oficial, os participantes neste simposio ibérico poderán completar, a partir das 20.00 horas, unha visita guiada á Domus do Mitreo, seguida dunha actuación musical no auditorio da Casa do Saber. Un obradoiro práctico de ferramenta de de política e agroecolóxica local retomará o sábado 13 as sesións deste simposio no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, o mesmo escenario que acubillará, a partir das 13.00 horas, a presentación das conclusións acadadas logo do intercambio e posta en común das distintas experiencias e iniciativas desenvolvidas neste eido por parte das entidades participantes. Xa en quenda de tarde, os participantes neste simposio, organizado pola USC, Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica e a rede de municipios Terrae, farán unha visita á escola de agroecoloxía que se vén de poñer en marcha no concello lugués do Valadouro. As sesións de discusión e debate celebradas no marco deste simposio, cuxa inscrición permanecerá aberta ata o xoves na páxina web www.agroecoloxia.net, permitirán a posterior elaboración dun documento con recomendacións sobre agroecoloxía, municipalismo e desenvolvemento rural.