O simposio anual do ILG indaga na produción xornalística e literaria nos comezos da Idade Contemporánea
O simposio que o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) organiza anualmente leva por lema no presente ano ‘Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea’. O evento é unha aposta por analizar a actividade xornalística e literaria rexistrada nas primeiras décadas do século XIX dende a perspectiva da Historia, as Ciencias da Comunicación ou a Filoloxía.
As conferencias proxectadas suporán unha aproximación aos textos de Papés d’emprenta condenada, obra que se publica en setembro de 2008, resultado dun traballo colectivo que quería reunir a produción escrita en lingua galega entre 1797 e 1846. Ademais, as distintas intervencións programadas suporán a presentación pública de boa parte dos traballos que van conformar un novo volume que dea continuidade ao publicado en 2008.
Así, as intervencións botarán luz ao período relativo do final do Antigo Réxime en Galicia e á significación da prensa e a imprenta na primeira metade do século XIX. Dende o punto de vista das Ciencias da Comunicación, reflexionarase sobre os casos da prensa vasca e catalá e os primeiros anos da galega. Dende a perspectiva da historia literaria avaliarase a significación dos primeiros pasos da literatura galega moderna e dende o campo la lingüística estudaranse os trazos máis salientables do galego escrito da época, ao tempo que se analizarán os vocabularios e outras obras lingüísticas menores producidas na época.
O programa, que se vai estender ata o próximo 11 de novembro, arranca este martes, día 3, no Consello da Cultura Galega, onde a partir das 16:30 horas, Xosé R. Barreiro disertará sobre ‘A cultura impresa en Galicia na primeira metade do século XIX’. Seguiralle Víctor F. Freixanes co relatorio ‘Da sociedade tradicional á sociedade escrita: prensa, literatura oral e literatura escrita na Galicia dos inicios do século XIX’.