Un simposio en Bande conmemorará os trinta anos de escavación no xacemento romano Aquis Querquennis
A vila ourensá de Bande será sede a mediados de outubro dun simposio co que se conmemorarán os trinta anos do inicio da actividade arqueolóxica no xacemento romano Aquis Querquennis. O encontro está organizado polo Grupo Arqueolóxico Larouco, que cumpre tamén tres décadas de existencia.
No simposio participarán profesores de Universidades galegas e portuguesas e expertos arqueólogos que explicarán polo miúdo este proxecto de recuperación e conservación. Asemade, servirá para presentar a actividade científica do Grupo Larouco.
Traballos de recuperaciónO catedrático da Universidade de Santiago Antonio Rodríguez Colmenero e o Grupo Arqueolóxico Larouco do que é director participan dende 1975 nos traballos de recuperación do conxunto arqueolóxico-paisaxístico articulado arredor do xacemento romano emprazado en Porto Quintela (Bande, Ourense).
Aquis Querquennis, situado entre as vilas de Baños e Porto Quintela, é un extenso complexo arqueolóxico formado por un antigo campamento romano, un poboado e unha mansión sitos na beira do que no seu día foi a Vía Nova, unha calzada romana que discorría entre Braga e Astorga.
Para continuar cos traballos de recuperación e promoción deste xacemento e da Vía Nova romana constituise en 1999 a Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, promovida pola Universidade compostelá, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, o Grupo Larouco, o Concello de Bande, Unión Fenosa e a Deputación Provincial de Ourense, e na que forman parte do padroado os profesores da Universidade de Santiago Antonio Rodríguez Colmenero e Carlos A. Gómez Otero.