Ir o contido principal

O Simposio do ILG 2018 analizará a partir do luns 12 as variedades lingüísticas en contacto na Península Ibérica

Cartel do encontro
Cartel do encontro

As variedades lingüísticas en contacto na Península Ibérica son o eixo ao redor do que se centrarán os relatorios do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) 2018. A cita estenderase entre o próximo luns 12 e o mércores 14 no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía. O debate que xurda pretende profundar nas posibles análises lingüísticas de situacións de contacto en comunidades que son próximas cultural e xeograficamente no ámbito peninsular. Os relatorios propostos mostrarán de que xeito se pode abordar a descrición e análise desta constante na historia lingüística da humanidade.

O encontro, que nesta ocasión coordinan Francisco Dubert García, Xulio Sousa e Vítor Míguez, parte da idea de que a situación de linguas en contacto é inevitable e unha constante na historia e evolución das variedades lingüísticas. Neste senso, lembran como na actualidade existen ao redor de 6000 linguas faladas en 194 países. Consideran que a situación do galego, e a doutras linguas peninsulares, “non é nin singular nin extraordinaria”. Lembran a modo de exemplo como na Península Ibérica dáse contacto entre o asturiano e o castelán, entre o castelán e o portugués, entre o mirandés e o portugués, entre o vasco e o español, e tamén, amais doutros moitos casos, entre estas linguas e os distintos idiomas de inmigración.

Igualmente, os especialistas destacan que o contacto tamén é posible no interior das linguas, “dado que os idiomas vivos son un conxunto de variedades sociais, xeográficas,... en convivencia e intercambio continuo”. As situacións de contacto, as súas causas e consecuencias, poden ser analizadas dende moitas perspectivas (social, lingüística, etnográfica, histórica, psicolingüística etc.).

Programa
No programa previsto abordaranse estas reflexións da man dun cadro de relatorios nos que se traerá a debate cuestións relativas aos patróns de converxencia en linguas tipoloxicamente non relacionadas, a mudanza lingüística nun contexto de mestura, o contacto entre o castelán e o catalán ou entre o mirandés e o portugués ou, entre outros, o contacto de linguas e variedades na emerxencia de novos modelos de vocalismo en galego.

A inauguración oficial está prevista para as 16.30 horas e dará paso ás dúas primeiras conferencias previstas: a de Alberto Gómez Bautista (Instituto Politécnico de Lisboa-ISCAL / Centro de Línguas, Literatura e Culturas da Universidade de Aveiro), co relatorio ‘Mirandés e portugués: linguas en contacto’ e, xa a partir das 18.00 horas, a de Ana R. Luís (da Facultade de Letras da Universidade de Coimbra), co tema ‘A mudança linguística no contexto da crioulização: uma tipologia para o desenvolvimento morfológico’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2018.