Ir o contido principal

Simposio na USC sobre a problemática socio-política, económica e cultural das migracións

Simposio na USC sobre a problemática socio-política, económica e cultural das migracións
Simposio na USC sobre a problemática socio-política, económica e cultural das migracións

O salón de graos da Facultade de Ciencias Políticas acolle estes días o simposio ‘Migración e cultura’ que organiza o Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes da USC (CIPPCE). Nel participan grupos de investigación e persoas interesadas pola problemática socio-política, económica e cultural das migracións no mundo actual. Na xornada deste xoves interviñeron os membros da Rede de investigadores en Demografía, Historia económica e Migracións María Xosé Rodríguez Galdo, Fausto Dopico Gutiérrez, María Pilar Freire Esparís e Xosé Cordero Torrón con catro relatorios sobre migracións, cultura e identidade en Galicia. ‘Mulleres e proxección pública da cultura caboverdiana en Burela. Unha experiencia dende a intervención social’ foi o título da charla de Luzia Oca González, do Grupo de Antropoloxía Socio-Cultural da USC, mentres que Xaquín Rodríguez Campos, do mesmo equipo, falou da identidade galega transnacional e dos centros galegos no exterior en concreto. Outros relatorios da xornada deste xoves teñen que ver con exilio, muller e literatura e a poesía de Elsa Fernández como exemplo, da man de María Xesús Lama da Universidade de Barcelona; a historia e a visión feminina será tratada pola investigadora Laura Lojo, do grupo Discurso e Identidade, USC; e a tamén membro dese grupo Manuela Palacios falará dos tabús. Remata o día co panel de literatura infantil e xuvenil no que intervirán Mar Fernández Vázquez e Eulalia Agrelo Costas, ambas as dúas do Grupo Literatura Galega Infantil e Xuvenil da USC, que analizarán a obra de Marina Mayoral e Lúa de Senegal, de Agustín Fernández Paz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2011.