Sinatura dun acordo marco de colaboración entre a USC e a Casa de Velázquez
O reitor da USC, Senén Barro, e o director da Casa de Velázquez, Jean-Pierre Étienvre, asinarán este martes 22 un acordo marco de colaboración para o desenvolvemento de actividades conxuntas no ámbito da cultura, a arte, a formación e a investigación. A sinatura do acordo celebrarase nun acto protocolario a partir das 12:00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome.
A Casa Velázquez é un centro de promoción da creación artística e da ciencia integrado na rede de Altas Escolas francesas no estranxeiro que, con carácter pluridisciplinar, acolle a investigadores e artistas co obxecto de contribuír a profundar no coñecemento da civilización hispánica e a desenvolver os intercambios científicos e artísticos entre España e Francia.