Ir o contido principal

Un Sistema Interno de Información previrá e detectará posibles ameazas ao interese público no seo da USC

A xuntanza desenvolveuse este xoves no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza desenvolveuse este xoves no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
O reitor presentou no Consello de Goberno a proposta de principio de acordo para rehabilitar o hospital de Galeras, o cal foi valorado moi positivamente de forma unánime
Lugo, Santiago de Compostela

A cultura da información e comunicación como mecanismo para previr e detectar ameazas ao interese público apuntálase na USC grazas á creación do Sistema Interno de Información, cuxo regulamento aprobouse na xuntanza do Consello de Goberno deste mércores 31. Esta medida busca ampliar e reforzar a transparencia arredor da actividade universitaria e engádese á creación dun Boletín Oficial propio e dun Portal de Transparencia institucional cos que a institución fortalece a rendición de contas cara á comunidade universitaria e cara á sociedade no seu conxunto.

En concreto, o texto desenvolve dentro da USC a Lei 2/2023 sobre protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción e supón unha nova aposta pola transparencia por parte da institución compostelá. O regulamento define a organización deste novo sistema, como realizar a presentación de denuncias e as garantías das persoas que interveñan no procedemento.

O texto aplicarase á Administración xeral da Universidade de Santiago de Compostela e, cun tratamento diferenciado, tamén ás súas entidades dependentes ou adscritas. O Sistema recollerá as denuncias que se presenten por parte dos membros da comunidade universitaria ou de terceiras persoas relativas a accións ou omisións que poidan constituír infraccións do Dereito da UE, así como accións ou omisións que poidan ser constitutivas de infracción penal ou administrativa grave ou moi grave.

Asuntos Económicos

O reitor presentou tamén a proposta de principio de acordo para dar por pechada a venda do edificio do antigo hospital de Galeras no punto da orde do día relativo a Asuntos Económicos. O Consello de Goberno valorouno moi positivamente de forma unánime. A institución valora de xeito moi positivo a fin dun proceso que se alongou por seis anos e que supón poñer fin a un proceso xudicial con todas as incertezas que xera. Como se puxo de manifesto na reunión, trátase dun acordo positivo para a cidade en tanto en canto se poderán desenvolver novos proxectos na zona.

Clúster da Construción

A participación da USC na Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción, foi outra das cuestións abordadas polo órgano colexiado. A Universidade, a través da súa Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) do Campus de Lugo, intégrase no Clúster como entidade benfeitora tecnolóxica e desenvolverá un rol de asesoramento. Pemade desenvolve o seu traballo nos ámbitos da formación e de I+D+i tanto en proxectos con financiamento público como ofrecendo servizos tecnolóxicos para empresas privadas, todo isto no marco do sector da madeira estrutural vinculada á construción.

Outros asuntos

O Consello tamén tratou a aprobación de preto dunha vintena de títulos e cursos de estudos propios, xunto coa supresión do programa de doutoramento en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio a partir do curso 2023-24, a aprobación das memorias de títulos propios e a modificación do regulamento de fin de estudos do grao en Enxeñaría Informática. A proposta de regulamento do parque móbil da USC e a aprobación das tarifas no marco deste servizo completaron a orde do día xunto coas cuestións relativas a asuntos económicos, convenios e transferencia de resultados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.05.2023.