O Sistema Universitario de Galicia podería impartir o vindeiro curso seis graos co 80% da docencia en galego

Seis graos universitarios en Galicia poderán impartirse o vindeiro curso 2019-2020 cun 80% da docencia en galego, segundo o establecido nun acordo cualificado de “histórico” pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que trasladará a petición á Secretaría Xeral de Universidades para a súa aprobación. En concreto, proponse para os graos en Xornalismo e o en Educación Social da USC; Comunicación Audiovisual, Educación Infantil e Educación Primaria da Universidade de Vigo, e o de Educación Social da Coruña.
“É algo histórico no SUG que haxa unha planificación, unha dotación orzamentaria e unha execución desta parte do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2016-2021”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que lembrou que se trata dunha medida recollida no documento financeiro, pero que estaba sen aplicar.
A proposta da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que este luns se reuniu no campus vigués, será trasladada agora á Secretaría Xeral de Universidades “e todo apunta a que solucionadas algunhas cuestións burocráticas ou administrativas, que teñen que ver coa xuntanza da vindeira comisión de seguimento do Plan de Financiamento das universidades, poda executarse esta previsión para o vindeiro curso”, explicou o secretario xeral de Política Lingüística. García destacou que ademais de buscar a formación en galego tamén “se procura a rendibilidade que esta medida pode ter á hora de buscar esa segunda socializacion de mozas e mozos que falan pouco e non falan galego, para que o incorporen á súa formación pero tamén a outros labores, porque as universidades non só son institucións de formación, senón que tamén preparan actitudes e crean espazos de uso común da lingua galega da xente nova”.
Financiamento compartido
Tal e como se recolle no Plan de Financiamento do SUG, a Xunta asumirá a financiación dun único grao por universidade, de xeito que as institución académicas terán que asumir o pago do resto de titulacións que queiran implantar co 80% da docencia en galego. “Na primeira reunión da Comisión de Política Lingüística acordamos que cada universidade presentaría unha proposta que é o que lle imos pedir á Xunta, pero nós imos complementar esa cantidade para impartir tres titulacións, xa que houbo unha resposta moi positiva por parte dos nosos equipos decanais e de dirección dos centros e paga a pena facer o esforzo”, explicou o reitor da Universidade de Vigo.
“Debemos felicitarnos de ter unha proposta moi madura enriba da mesa e tamén do compromiso económico adquirido polas universidades de Vigo e Santiago, que financiarán a maiores dous e un grao, respectivamente. Non só hai vontade lingüística ou social, senón tamén económica”, dixo o secretario xeral. Cara ao futuro, Valentín García sinalou que a incorporación de novos graos con docencia en galego terá que ser obxecto dunha negociación nun plan feito a medida dos plans de formación de cada universidade do SUG, “no que reforzar a presenza do galego e por extensión na mocidade en Galicia é prioritario para a Xunta e entendo que tamén é a vontade das tres universidades”.
A universidade, espazo para o galego Na súa reunión de hoxe, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística tamén deu luz verde á proposta A universidade como un espazo para o galego, dirixida preferentemente á mocidade de bacharelato, que nun futuro inmediato vai comezar os seus estudos universitarios, co obxectivo de singularizar a institución académica como un lugar que favorece o mantemento lingüístico e mobiliza a conversión lingüística nas e nos potenciais neofalantes e contribuír a identificar a universidade como un espazo idóneo de transición cara unha nova subxectividade na que a (nova) lingua ha ser un elemento central.
Trátase de divulgar de xeito creativo e a través de medios audiovisuais as universidades como espazos para o galego tradicional e tamén o neogalego. Para iso seleccionaranse sete centros, un por cada campus galego, para facer divulgación sobre as propostas e tamén se fará un documental sobre as posibilidades da universidade para a conversión lingüística, co obxectivo de difundir as universidades como espazos de galeguización.