Ir o contido principal

A situación actual da Acuicultura en Iberoamérica, a análise na Facultade de Económicas

A Rede de Innovación e Desenvolvemento da Acuicultura en Iberoamérica (Acuinnova) iniciará o vindeiro luns 14 en Compostela o seu segundo seminario para profundar no estado da situación e metodoloxías para a análise neste eido de traballo. O encontro vaise celebrar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC co obxecto de avaliar a situación dos diferentes países e especies cultivadas así como os aspectos condicionantes naqueles países nos que a acuicultura aínda non se ten desenvolvido.
A presentación e discusión dun marco metodolóxico e conceptual que permita o encauzamento común de investigacións en curso sobre innovación e aprendizaxe en actividades acuícolas será outro dos obxectivos deste seminario. O seu programa dedicará ademais especial atención á análise pormenorizada da situación e perspectivas de futuro no cultivo do principal expoñente da piscicultura mariña en España, o rodaballo.
A primeira das xornadas do seminario comezará o luns 14 ás 9:00 horas cunha sesión dedicada á discusión e deseño dun cuestionario para a análise da innovación na acuicultura en Iberoamérica. Xa pola tarde, dende as 16:30 horas, tratarase o actual contexto e desenvolvemento deste sector, os aspectos relativos á metodoloxía DAFO neste eido e á convocatoria CYTED. O encontro rematará o martes 15, co debate ao redor de experiencias particulares en Brasil, Chile, México, Arxentina, Honduras, Guatemala e España.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.09.2009.