Ir o contido principal

A situación actual das graduadas universitarias e a súa realidade sociolaboral, a análise nunhas xornadas da USC

As sesións académicas comezarán o xoves 3 na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da Universidade de Santiago organiza as V Xornadas de Estudos de Formación en Xénero. Destinadas a analizar a situación actual das graduadas universitarias e a súa realidade sociolaboral e educativa, as sesións académicas celebraranse o xoves 3 e venres 4 no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur.
A educación superior e as diferenzas en función de xénero na inserción laboral serán as cuestións a tratar na conferencia inaugural que pronunciará ás 10:00 horas a profesora da USC, Begoña Gómez. Despois, ás 12:00 horas, reflexionarase sobre o mesmo tema nunha mesa redonda coordinada pola docente da USC, Monserrat Villarino. Contará coa participación de representantes das oficinas de igualdade de xénero das tres universidades galegas.
Pola tarde, a directora xeral do Instituto da Muller, Rosa María Peris, analizará ás 16:00 horas a realidade laboral e educativa. A continuación, haberá ás 18:30 horas a mesa redonda titulada ‘Xénero e mercado de traballo’. Dirixida pola profesora da USC Josefa Mosteiro, á charla asisten delegadas dos sindicatos UGT, CIG e CC.OO.
Venres 4A seguinte xornada abrirá ás 10:00 horas co relatorio ‘A inserción laboral das graduadas e graduados no sistema universitario galego’ a cargo da técnica de estudos de inserción laboral da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Carmen Fernández Montes. Logo, ás 12:00 horas, a profesora da Universidade de Sevilla, Rosario Gil, pechará o encontro profundando no emprendemento como alternativa á inserción laboral.
Vinculadas coas III Xornadas de Formación, Educación, Xénero e Igualdade, as sesións académicas teñen como obxecto mostrar as medidas específicas que en materia de igualdade se están a desenvolver para a inserción laboral das graduadas universitarias.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.04.2008.