Ir o contido principal

A situación actual da mocidade investigadora, a debate nun congreso na Facultade de Matemáticas

O prazo para participar cunha comunicación no congreso manterase aberto ata o vindeiro mércores 30

Co fin de examinar o estado da investigación galega na actualidade, a Universidade de Santiago colabora na organización do ‘I Congreso Galego da Mocidade Investigadora’ que se celebrará na Facultade de Matemáticas os días 25 e 26 de outubro. No encontro, mozos investigadores exporán os resultados dos seus traballos de investigación. Todos as persoas interesadas en dar a coñecer as súas achegas poden participar no congreso cunha comunicación inscribíndose a través da súa páxina web ata o vindeiro mércores, día 30.
No transcurso da primeira xornada, o membro da Asociación Precarios Galicia Xosé Álvarez Pérez falará sobre o paso da investigación profesional á investigación como profesión. Despois, no congreso desenvolverase un debate e unha mesa redonda na que se abordarán os retos e desafíos do profesional investigador no século XXI.
Ao día seguinte, o profesor da Escola Politécnica Superior Jorge Molinero pronunciará a conferencia ‘O investigador como motor de desenvolvemento social’ e, a continuación, realizarase outro debate. O Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e a Plataforma de Ensino para o Desenvolvemento organizan este encontro convocado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia.
En xeral, o congreso ten como obxectivo converterse nun espazo de discusión sobre a actual situación da investigación no ensino superior e os seus correspondentes papeis na sociedade. Dirixido aos investigadores en formación e aqueles que están nos seus primeiros anos de exercicio profesional, xunto con profesores e entidades, estas sesións tamén procurarán fomentar o uso da lingua galega nas investigacións dos máis novos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.06.2007.