A situación da lingua galega, a análise en Lugo
A filóloga María Pilar García Negro impartirá este venres 12 ás 19:30 horas no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo unha conferencia sobre ‘A lingua galega: evidencias e necesidades’ enmarcada no programa de actividades organizadas pola Asociación IV Ciclo Universitario da USC no campus lugués.
Neste relatorio analizaranse aspectos como a situación actual do galego, as necesidades da lingua ou o significado de normalización e de conflito lingüístico.
María Pilar García Negro é licenciada pola USC en Filoloxía Románica e Filoloxía Galego-Portuguesa e dende o ano 1991 exerce a docencia na Universidade da Coruña. Forma parte da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, da Asociación de Escritores en Lingua Galega e da Mesa pola Normalización Lingüística. Ao longo da súa traxectoria profesional publicou numerosas obras e estudos sobre o estado e uso do galego, como Dereitos lingüísticos e control político (2000), Arredor de Castelao (2001) ou De fala a lingua: un proceso inacabado (2009).