Ir o contido principal

O SNL lanza un novo suplemento para correctores centrado nas Ciencias da Saúde

Este Suplemento de Ciencias da Saúde responde tanto a peticións de apoio terminolóxico por parte das comisións de normalización lingüística das facultades de Medicina e Odontoloxía e máis Farmacia, como á Acción 2.8 do Plan de Actuacións de Normalización Lingüística 2020-2022 da USC
Este Suplemento de Ciencias da Saúde responde tanto a peticións de apoio terminolóxico por parte das comisións de normalización lingüística das facultades de Medicina e Odontoloxía e máis Farmacia, como á Acción 2.8 do Plan de Actuacións de Normalización Lingüística 2020-2022 da USC
Este novo dicionario personalizado súmase aos xa existentes nos eidos de Economía e Empresa, Dereito e Matemáticas
Lugo, Santiago de Compostela

A colección de suplementos temáticos para correctores impulsada polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC acaba de incorporar un novo dicionario personalizado relativo ao eido das Ciencias da Saúde. Con estes produtos derivados de bUSCatermos preténdese facilitar o uso do galego escrito na comunicación académica e científica de diversas disciplinas. Este novo suplemento de Ciencias da Saúde súmase aos xa existentes nos eidos de Economía e Empresa, Dereito e Matemáticas.

“Os correctores ortográficos presentan limitacións en textos que empregan moito léxico que vai alén da variedade estándar dun idioma —dialectal, coloquial, técnico—, o cal sinala como erros cando non o son”, explican dende o SNL. “Estas ferramentas traballan a partir dunha lista interna de palabras —chamada dicionario— consideradas correctas coa que comparan os textos que revisamos: se unha palabra do texto non figura na lista, márcase como sospeitosa —normalmente subliñada en vermello—. Daquela, en textos técnicos como os das diversas disciplinas universitarias o emprego de correctores automáticos pode resultar confuso”, continúan.

Para paliar esta eiva, o Servizo de Normalización Lingüística decidiu asumir a mellora das ferramentas de revisión ortográfica de textos galegos, para o cal a Área de Terminoloxía está implementando produtos derivados do bUSCatermos: aproveita a terminoloxía técnica compilada en bUSCatermos para incorporala aos dicionarios dos correctores. Nacen así os suplementos temáticos que son instalados como dicionarios personalizados nos paquetes ofimáticos MS Office e LibreOffice. “Ao instalalos e activalos engádenselle á lista de palabras que o corrector considera adecuadas varios miles de termos técnicos de cada un deses ámbitos, o que evitará que sexan marcadas como sospeitosas cando se utilicen nun documento”, apuntan dende o SNL. Cómpre indicar que non se trata de produtos pechados, senón que se irán actualizando e ampliando a medida que a terminoloxía correspondente se amplíe no bUSCatermos.

Para a contorna Windows os suplementos ofrécense a través dun instalador que simplifica ao máximo o proceso de instalación e activación. Para outras contornas (distribucións Linux, ou iOS, entre outras) cómpre que as persoas interesadas descarguen e instalen manualmente os ficheiros dos respectivos dicionarios. Todo este conxunto de material difúndese coa licenza CC BY-SA 4.0 e pódese descargar libremente desde esta páxina  onde tamén se pode visualizar un vídeo sobre como instalar e activar os suplementos temáticos para o corrector ortográfico que se empregue.

Este Suplemento de Ciencias da Saúde responde tanto a peticións de apoio terminolóxico por parte das comisións de normalización lingüística das facultades de Medicina e Odontoloxía e mais Farmacia, como á Acción 2.8 do Plan de Actuacións de Normalización Lingüística 2020-2022 da USC na que se establece a necesidade de “elaborar materiais útiles para a comunidade universitaria e tamén para a sociedade en xeral, especialmente para a educación secundaria”. Igualmente responde a unha das accións estratéxicas do Plan Estratéxico Ponte da Facultade de Medicina e Odontoloxía relativa á mellora dos recursos dispoñibles en terminoloxía médica e odontolóxica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.01.2021.