Ir o contido principal

O SNL organiza no Campus Terra da USC un certame divulgativo para novos investigadores co gallo do Día da Ciencia en Galego

Cartaz do certame de divulgación científica 'DivulgaTerra'
Cartaz do certame de divulgación científica 'DivulgaTerra'
O foro ‘DivulgaTerra’ será o 9 de novembro na EPS. As persoas interesadas en facer presentacións poden inscribrise ata o 23 de outubro na web www.usc.es/campusterra

O Servizo de Normalización Lingüística e o Campus Terra da USC promoven a celebración do certame de divulgación científica ‘DivulgaTerra’, un foro que se desenvolverá o vindeiro 9 de novembro na Escola Politécnica Superior da sede universitaria luguesa e a través do que se pretende dar visibilidade ao traballo desenvolvido polos novos investigadores e investigadoras do Campus Terra da USC.

A promoción da utilización do galego como ferramenta para a comunicación e a difusión dos resultados das investigacións é outro dos cometidos que persigue esta iniciativa, que está aberta á participación de estudantes matriculados en calquera dos posgraos ofertados pola USC no campus lugués, así como a investigadores de doutoramento e bolseiros de investigación que estean a desenvolver a súa actividade en calquera dos centros do Campus Terra da USC. O foro ‘Divulgaterra’ está estruturado nunha sucesión de presentacións científicas cunha duración máxima de dez minutos cada unha. O certame está aberto á participación de todos os novos investigadores/as que adoiten a expoñer en galego o traballo de investigación que están a desenvolver. Existe tamén a posibilidade de tomar parte neste certame a través da realización de pósters, que permanecerán expostos e visibles para o público nun espazo anexo ao que se desenvolvan as presentacións. As persoas interesadas en tomar parte neste certame poden formalizar a súa inscrición de balde ata o domingo 23 na web do Campus Terra da USC. O Servizo de Normalización Lingüística da USC celebrará o vindeiro luns 24 de outubro unha sesión formativa previa á celebración do ‘DivulgaTerra’ e orientada a preparar as intervencións dos investigadores/as inscritos. Nesta xornada, que é de carácter gratuíto para todas as persoas interesadas, trataranse cuestións ligadas á planificación, deseño e redacción de diapositivas para a súa preparación en Powerpoint, realización dun póster científico ou exposición do discurso e posta en escea. A participación no certame ‘DivulgaTerra’ e a asistencia á xornada formativa previa serán recoñecidas con cadanseu diploma, expedido polo Campus Terra e polo Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2016.