Ir o contido principal

A Sociedade de Economía Mundial analizará na USC propostas para superar a crise global

Baixo o lema ‘Camiños para superar a crise global’, a Sociedade de Economía Mundial celebrará este xoves 27 e o venres 28 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a súa duodécima reunión anual. A inauguración oficial do encontro celebrarase a partir das 13:00 horas no Salón de Graos do centro compostelán, nun acto no que participarán, Carlos Berzosa, reitor da Universidade Complutense de Madrid e presidente da Sociedade de Economía Mundial; Javier Guerra, conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia; Javier Fariña, concelleiro de Relacións Institucionais do Concello de Santiago; Maite Cancelo, decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, e Xavier Vence, presidente do Comité Organizador desta XII Reunión.
A Sociedade de Economía Mundial (SEM) é unha asociación científica fundada en 1999 na I Reunión de Economía Mundial que tivo lugar na Universidade de Huelva. Desde ese momento adquiriu unha dimensión internacional coa incorporación de socios de España, México, Brasil, Arxentina, Chile, Ecuador, Perú, Colombia, Portugal, Reino Unido, Suíza, Francia, Alemaña, Israel ou Marrocos, sendo hoxe socios máis de 250 profesores universitarios, investigadores, empresarios, consultores, asesores e funcionarios internacionais.
As Reunións desta Sociedade son un foro internacional, aberto a diferentes enfoques e opinións, no que se presentan e discuten investigacións que teñen por obxecto a análise da economía mundial. Agora, despois de once xuntanzas por toda España, a Sociedade de Economía Mundial trae a décimo segunda á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, co profesor Xavier Vence como presidente do comité organizador.
Nesta cita de Santiago participarán máis de cen investigadores da economía mundial de distintos países, na súa maioría membros da Sociedade de Economía Mundial. Aquí debaterán sobre os principais aspectos da economía mundial, aínda que facendo especial fincapé na problemática e posibles camiños de saída da actual crise global. Outros temas de traballo serán os retos e desafíos do transporte marítimo no contexto mundial e o crecemento económico e as desigualdades.
ProgramaDesenvolvemento, crise, medio ambiente, integración e comercio son os temas das cinco sesións paralelas coas que comezará ás 9:30 horas o encontro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Ás 11.30 horas está programada a conferencia inaugural, ‘Financiamento da economía e consecuencias da actual crise global’, que pronunciará o profesor da Universidade París-Nord, François Chesnais.
A xornada da tarde terá o seu inicio nunha nova quenda de sesións paralelas, con intervencións agrupadas arredor de desenvolvemento, alternativa á crise, medio ambiente, desigualdades, finanzas, traballo e educación. Theotonio dos Santos, profesor da Universidade Federal Fluminense e coordinador da Cátedra e Rede UNESCO-UNU de Economía Global e Desenvolvemento Sustentable, pronunciará a partir das 17:30 horas a primeira conferencia plenaria do congreso, falando sobre ‘A crise global e as novas potencias emerxentes’. A primeira xornada rematará coa celebración da Asemblea xeral extraordinadira de SEM.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.05.2010.