Ir o contido principal

A Sociedade Galega para a Promoción da Estatística de Investigacións de Operacións celebra este mércores en Santiago o Día Mundial da Estatística

A Sociedade Galega para a Promoción da Estatística de Investigacións de Operacións (SGAPEIO), cuxo vicepresidente de Estatística é o profesor do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC Pedro Faraldo, organiza este mércores 20 na Facultade compostelá de Matemáticas os actos de celebración do Día Mundial da Estatística que Nacións Unidas estableceu para concienciar da relevancia desta ciencia na sociedade. O acto inaugurarao ás 9:30 horas o reitor Juan Casares acompañado do presidente da SGAPEIO, Antonio Vaamonde; do director do Instituto Galego de Estatística, José Antonio Campo; e da decana da Facultade anfitrioa, Mª Victoria Otero. A continuación desenvolverase un panel sobre a estatística nas ciencias da saúde, nas finanzas, na enerxía e na industria no que participarán expertos da USC, da Politécnica de Cataluña, da Universidade da Coruña e do Banco de España. O segundo panel de debate tratará a función da estatística na administración pública e no ensino. Intervirán especialistas do Instituto Galego de Estatística, da USC e do IES Ramón Otero Pedrayo. Un instrumento con futuro A importancia da estatística, instrumento de uso inevitable na busca de coñecemento, é hoxe incuestionable, ata o punto de que a revista Science cualifica os métodos estatísticos para interpretar datos en condicións de incertidume como un dos 20 desenvolvementos científicos “máis significativos” entre los acontecidos no século XX polo seu impacto sobre a nosa forma de vida e de coñecernos a nós mesmos e o mundo que nos rodea. En palabras da Organización Mundial da Saúde, “en todos os dominios das Ciencias da Saúde, na súa vertente clínica, administrativa ou de investigación é indispensable coñecer os principios estatísticos para comprender ben os problemas, e o profesional da saúde necesita dos datos estatísticos para tomar decisións válidas”. Os estudos de estatística son, para Pedro Faraldo, unha profesión “de pasado, presente e futuro” en numerosos campos, entre os que se poden destacar as finanzas, a enxeñaría, o medio ambiente, as novas tecnoloxías, a estatística Oficial (INE, IGE, EUROSTAT) ou as Ciencias da Saúde.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2010.