Ir o contido principal

Solucións innovadoras para o aproveitamento múltiple de superficies agrarias e forestais

Sistema agroforestal. Foto: Santi Alvite
Sistema agroforestal. Foto: Santi Alvite
A catedrática da USC Rosa Mosquera presenta nun foro do programa europeo Euraknos experiencias e prácticas agroforestais rendibles e sustentables desenvolvidas por Afinet e que permanecen accesibles en liña nunha base de datos universal
Lugo

A mellora do aproveitamento das superficies agroforestais e, consecuentemente, da súa rendibilidade a través da implementación de solucións innovadoras que contribúan á obtención de diversos produtos dun mesmo territorio de xeito respectuoso coa conservación da súa biodiversidade é un dos obxectivos nos que está a traballar a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC a través de Afinet.

A coordinadora deste rede de innovación agroforestal, a catedrática do Departamento de Produción Vexetal e coordinadora do grupo de investigación en sistemas silvopastorais (Silvopast) da USC, Rosa Mosquera, presentou hoxe os resultados das experiencias desenvolvidas por todos os gandeiros, produtores agrarios e forestais agrupados en Afinet nun foro internacional do proxecto Euraknos, un programa europeo dotado con preto de dous millóns de euros de financiamento e no marco do que os socios implicados (universidades, entidades, organizacións, centros de investigación e grupos operativos de nove países europeos) transmiten e intercambian coñecementos e resultados acaídos para avanzar cara a un aproveitamento rendible e sustentable do monte e das propiedades agroforestais, o que tamén implica novas ferramentas e recursos de interese na loita contra o cambio climático.

Mosquera centrou a súa intervención deste foro internacional, no que participaron en liña máis dun centenar de produtos, gandeiros e representantes de entidades e institucións ligadas ao sector agroforestal de todo o mundo, para dar conta dos máis 1.000 documentos con resultados e experiencias de accións xa desenvolvidas por Afinet. A achega e posta a disposición de xeito accesible para todo o mundo deste amplo material didáctico e informativo con aval científico sirve de acicate para a promoción e o intercambio de coñecemento entre actores agroforestais do contexto europeo e, nun contexto máis amplo, para toda a comunidade internacional.

Experiencias prácticas

A información presentada por esta investigadora da USC e cuxos contidos atinxen en gran medida a experiencias prácticas de manexo/produción gandeira e de silvicultura, así como doutros aproveitamentos agroforestais, permanecerá accesible nun repositorio virtual que estará a disposición de todo o mundo. Esta base de datos ‘universal’, cuxos contidos se ampliarán a medio prazo coa integración dos avances e achegas doutras redes temáticas e de grupos operativos, incluirá tamén ampla información centrada nos ámbitos forestal e agroforestal, como é a documentación achegada tamén a esta bitácora virtual pola rede temática Incredible, promovida polo Instituto Forestal Europeo (EFI).

O investigador do Instituto Forestal Europeo, con sede en Barcelona, Eduard Mauri, foi o encargado de poñer en común o resultado das iniciativas e experiencias traballo realizadas polos integrantes da rede Incredible no marco deste foro do programa Euraknos, unha sesión virtual na que tamén participaron como relatores representantes de grupos operativos locais, como é o caso de Iván Rodríguez Paz, da Asociación de Criadores de Ganado Celta (Asoporcel), ou Marina Castro, do Instituto Politécnico de Bragança (IPB).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2020.