Ir o contido principal

Som do Galpom conduce un obradoiro musical con alumnado do Ies Muralla de Lugo na Casa do Saber no marco do ciclo ‘Eslabón’

Varela Zapata, con alumnado do Ies Muralla Romana na Casa do Saber, antes do obradoiro musical con Som do Galpom
Varela Zapata, con alumnado do Ies Muralla Romana na Casa do Saber, antes do obradoiro musical con Som do Galpom
Varela Zapata ofreceu unha recepción ao estudantado de ensino medio e aos compoñentes da formación musical que ofrece esta tarde un concerto en Lugo

Estudantes de ensino medio no Ies Muralla Romana de Lugo participaron este xoves na Casa do Saber de Lugo nun obradoiro musical xunto con varios dos membros do grupo Som do Galpom, unha formación musical que ofrece esta tarde, a partir das 21.00 horas, na Praza de Santa María, un concerto no marco do ciclo Lubicán 2019. Esta actuación ao vivo, na que Som do Galpom, repasará parte do seu repertorio, ao tempo que adiantará algún dos temas que incluirán no seu próximo traballo, ‘Longo camiñar’, desenvolveríase no Círculo das Artes en caso de choiva.

Jesús Varela Zapata, adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, deu a benvida ao estudantado de ensino medio que se achegou ata a Casa do Saber para participar neste obradoiro creativo xunto con Gael Bassave e Guillermo Vistoso, voz e guitarra e teclados, respectivamente do grupo Son do Galpom.

Esta actividade, a través da que a USC busca achegarse aos seus futuros estudantes e afondar nas ligazóns co ensino medio, estivo marcada polo dinamismo. Así, Gael Guillermo empregaron parte deste encontro para explicar algunhas das claves dos procesos de composición, tanto das letras/cancións, como das músicas.

Unha vez rematada esta primeira explicación, os propios estudantes do Ies Muralla Romana de Lugo compuxeron, xunto cos músicos de Som de Galpom, unha canción cuxo tema xirou arredor da natureza, “ un concepto moi, moi importante”, salientaron os membros de Som do Galpom.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.05.2019.