As sonatas para violín e piano de Beethoven protagonizan o ciclo Músicas a carón da Mosqueira 2013

As dez sonatas para violín e piano que compuxo Beethoven entre 1799 e 1812 protagonizarán unha nova edición do ciclo Músicas a carón da Mosqueira 2013, un programa a través do que Lugo Cultural dá continuidade ao seu xa tradicional labor de difusión da música clásica que deparará o martes 15 de xaneiro, a partir das 20.00 horas, na Casa do Saber da Vicerreitoría do campus de Lugo, o primeiro dos catro concertos nos que se estrutura este monográfico musical.
O ciclo ‘Sonatas para Violín e Piano de Beethoven’ conta na parte interpretativa con solistas da Real Filharmonía de Galicia e con destacadas alumnas da Escola de Altos Estudos Musicais. O violinista da Real Filharmonía Grigori Nedobora ofrecerá o martes 15 o primeiro concerto, acompañado da pianista Ilona Timchenko, no marco dunha actuación na que se interpretarán as sonatas número 6 e 9. O segundo recital de Músicas a carón da Mosqueira 2013 será o 4 de febreiro, coas sonatas 3 e 7, que serán interpretadas por Kiyoko Ohashi (violín) e Haruna Takebe (piano). A Casa do Saber da Vicerreitoría do campus de Lugo volverá a ser escenario o 28 de febreiro do terceiro dos concertos previstos, no que a violinista Beatriz Junco e Alicia González Permuy, ao piano, interpretarán as sonatas 2, 5 e 10. A nova proposta de Músicas a carón da Mosqueira 2013 chegará ao seu remate o 19 de marzo da man de Nazaret Canosa, ao violín, e da pianista Vera Pavlova, que interpretarán as sonatas 1,4 e 8 nun concerto que servirá de clausura deste programa musical promovido pola Universidade de Santiago ao abeiro do programa Lugo Cultural e co financiado pola Deputación e o Concello de Lugo, ademais da Xunta de Galicia. A entrada será gratuíta para todos os concertos, que se celebrarán nas datas antes citadas, a partir das 20.00 horas, no salón de actos da Casa do Saber do campus de Lugo. O aforo é limitado.