As sonatas para violín e piano de Beethoven soarán no Paraninfo da Universidade

As dez sonatas para violín e piano que compuxo Beethoven entre 1799 e 1812 protagonizarán un novo ciclo musical da Universidade de Santiago, dando así continuidade á labor de difusión da música clásica -especialmente de cámara- que desenvolve a institución na cidade dende hai décadas. O ciclo monográfico ‘Sonatas para Violín e Piano de Beethoven’ conta na parte interpretativa con solistas da Real Filharmonía de Galicia e con destacadas alumnas da Escola de Altos Estudos Musicais. O programa dos catro concertos, todos ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade, é responsabilidade do profesor de Historia da Música da USC, Javier Garbayo, que presentou o ciclo xunto co vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o profesor Carlos Villanueva; e Grigori Nedobora, violinista da Real Philarmonía que ofrecerá o primeiro concerto, o 18 de decembro, acompañado da pianista Ilona Timchenko. Os dous interpretarán as sonatas 6 e 9. O segundo recital será o 8 de xaneiro, coas sonatas 3 e 7, que serán interpretadas por Kiyoko Ohashi (violín) e Haruna Takebe (piano). Xa o 29 de xaneiro actuarán, coas sonatas 1, 4 e 8, da man de Nazaret Canosa ao violín e Vera Pavlova ao piano. O ciclo clausúrase o 19 de febreiro coa interpretación das sonatas 2, 5 e 10 a cargo da violinista Beatriz Junco e da pianista Alicia González Permuy. A USC, espazo para a música clásica O ciclo que hoxe se presenta colle o relevo da vocación divulgativa dos antigos Xoves Musicais, postos en marcha hai moitos anos polos profesores da USC José López Calo e Carlos Villanueva cando o panorama musical de Galicia era aínda precario e grazas aos que a sociedade compostelá tivo a oportunidade de gozar de ciclos monográficos. O labor de axitadora cultural, especialmente no eido musical, que leva desenvolvendo a USC dende hai décadas completábase coa constitución do Coro Universitario e do xa desaparecido Grupo de Cámara “In Itínere”, xunto coa programación dunha ducia de edicións das Xornadas de Música Contemporánea e de innumerables ciclos monográficos de música de cámara. Na actualidade a institución continúa na procura de fórmulas que permitan manter a súa oferta musical e mesmo recuperar accións desaparecidas. Así, á creación no curso 2011-12 do Espazo de Cámara coa súa propia orquestra baixo a dirección de Mario Diz ou os esforzos do Coro Universitario, dirixido por Miro Moreira, por presentar anualmente brillantes programas de repertorio barroco, únese a colaboración con outras institucións para organizar, por exemplo, os tres ciclos de Formacións de Cámara da Real Filharmonía de Galicia, os 14 de Novos Intérpretes coa Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza, as máis recentes coorperacións coa Escola de Altos Estudos Musicais, co Conservatorio Profesional de Santiago e coa Asociación de Amigos da Ópera ou o traballo conxunto co Auditorio de Galicia e co Centro Galego de Arte Contemporánea para recuperar as Xornadas de Música Contemporánea.