‘Sons Creativos’ ofrece do 3 ao 6 de maio a Lugo un ecléctico programa de concertos e sesións de electroacústica e arte sonora

A oitava edición do programa ‘Sons Creativos’, unha plataforma para a difusión e creación sonora, ofrecerá do 3 ao 6 de maio na capital luguesa un ecléctico repertorio de concertos, audicións, obradoiros de electroacústica e arte sonora e unha sesión final de improvisación libre, guiada polos membros do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS) é aberta a participación daqueles artistas que traballan a música improvisada e a experimentación, empregando a tecnoloxía como base das súas creacións.
A nova edición de ‘Sons Creativos’, un programa organizado desde os seus comezos polo Grupo de Creación Sonora da USC baixo a dirección de Inmaculada Cárdenas, Arturo Vaquero, Xoán Xil López, Mónica Álvarez e Efraim Díaz e ao abrigo da convenio Lugo Cultural, no que participan con achegas financeiras USC, Concello e a Deputación de Lugo, constitúe unha decidida aposta por difundir e achegar ao público dúas formas de creación sonora pouco habituais, tales como son a electroacústica e a arte sonora. A programación desta nova edición de ‘Sons Creativos’, presentada este venres nun acto no que interviñeron a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva; a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e Lucía López Sobrado, en representación da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, ademais de Inmaculada Cárdenas, está estruturadas en sesións de escoita de obras electroacústicas, obradoiros e concertos ao vivo. Un programa heteroxéneo de formación e divulgación que se desenvolverá no auditorio da Casa do Saber. Programa O Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUSC) abrirá o 3 de maio, ás 20.30 horas, a programación da oitava edición de Sons Creativos cunha intervención en directo no auditorio da Casa do Saber, o escenario no a oitava edición dos Sons Creativos ofrecerá un ciclo de concertos cun repertorio ecléctico, a través do que se destaca o peso en alza de grupos galegos como o ensemble de música contemporánea Vertixe Sonora, ou o proxecto Voltage Opposites, no que a música electroacústica se funde coa danza e o vídeo. A estas propostas cómpre sumar a dos portugueses Control and Unpredictability, que pecharán este programa o 6 de maio cun concerto ao vivo. O programa dos Sons Creativos permitirá asemade que o público interesado poida gozar coa escoita do traballo de compositores de distintas procedencias, como é o caso do autor de orixe italiana Danio Catanuto, o compositor electroacústico de orixe brasileiro afincado actualmente na cidade de León, Edson Zamprona, Orlando García, compositor residente en Miami, ou dos creadores españois Elena Hidalgo e Juan Antonio Lleó. O programa musical dos VIII Sons Creativos completa esta ampla oferta sonora coa celebración de dous obradoiros na primeira e na última xornada. Daquela, o obradoiro práctico de informática musical para a creación de paisaxes sonoras guiado por Arturo Vaquero servirá de apertura deste ciclo, que acubillará tamén o último día un obradoiro guiado por Mónica Álvarez sobre o dominio da voz.