‘Sons Creativos’ ofrece ata o 28 de maio na Casa do Saber un ecléctico programa de sesións de electroacústica e arte sonora
A novena edición do programa ‘Sons Creativos’, unha plataforma para a difusión e creación sonora, ofrecerá desde este xoves 25 de maio ata ao domingo 28 no auditorio da Casa do Saber do Campus Terra da USC un ecléctico repertorio de concertos, audicións, obradoiros de electroacústica e arte sonora e unha intervención sonora final con membros do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS) e outros artistas convidados.
A nova edición de ‘Sons Creativos’, un programa organizado ao abeiro do convenio Lugo Culutral e impulsado desde os seus comezos polo Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), está dirixida este ano por Inmaculada Cárdenas e Xoán Xil López. Este programa constitúe unha decidida aposta por difundir e achegar ao público dúas formas de creación sonora pouco habituais, tales como son a electroacústica e a arte sonora.
Inmaculada Cárdenas, Mónica Álvarez e Diego Ventoso abrirán este xoves 25 maio a quenda de concertos ao vivo, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber. O compositor Juan Antonio Lleó actuará ao día seguinte neste mesmo escenario, que acubillará o 27 de maio a Llorenç Barber e Montserrat Palacios. Todos os concertos estarán precedidos por sesións de escoita de obras acusmáticas.
Aberta a inscrición no programa de obradoiros complementarios
A USC mantén aberto o prazo de matrícula nos obradoiros de informática musical e dominio de voz que se desenvolverán os días 26 e 27 de maio no auditorio da Casa do Saber de Lugo no marco da novena edición do programa de música experimental e electroacúsica ‘Sons Creativos’.
O obradoiro ‘Estratexias disruptivas na creación electroacústica e audiovisual’, guiado e impartido polo compositor e artista multimeida Antonio Lleó, constitúe unha proposta formativa orientada a achegar ao alumnado un plan para afrontar un proceso de creación artística. Asemade, Montserrat Palacios e Llorenç Barber impartirán tamén o 27 de maio en quenda de tarde, de 16.30 a 19.30 horas, un obradoiro de improvisación e performance. As persoas interesadas en tomar parte nestas actividades poderán inscribirse ata o 25 de maio nas oficinas de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. Pódese obter máis información ao respecto a través do número de teléfono 982 821 513.
Unha das novidades incluídas este ano entre as actividades complementarias da programación dos ‘ IX Son Creativos’ vén dada pola oferta dun obradoiro de música electrónica con materiais cotiás dirixido á mocidade de entre 11 e 18 anos interesada en coñecer a música electrónica desde a súa raíz. Este programa, que estará impartido por Mateo Mena, desenvolverase o 27 de maio en quenda de mañá, de 11.00 a 14.30 horas. A inscrición neste obradoiro para público preuniversitario é gratuíta, mentres que as taxas da matrícula nos outros dous talleres é de 15 euros, 10 euros para membros da comunidade universitaria.