Ir o contido principal

son[UT]opías enfronta a vangarda occidental coa cultura tradicional xaponesa

O compositor xaponés Toshio Hosokawa estreará mundiamente unha composición súa en son[UT]opías
O compositor xaponés Toshio Hosokawa estreará mundiamente unha composición súa en son[UT]opías

O proxecto CampUSCulturae examinará do 29 ao 31 de xullo no Paraninfo da Universidade e outros lugares emblemáticos da cidade compostelá a relación entre a arte de vangarda occidental e a cultura tradicional xaponesa no ciclo son[UT]opías 2014. O programa contará coa presenza do compositor xaponés Toshio Hosokawa, que estreará mundialmente unha composición súa. A matrícula e a asistencia aos concertos é libre e gratuíta. Previo ao ciclo en si mesmo, o proxecto da USC ten previsto o sábado 26 ás 12.00 horas no Paraninfo un recital de piano a cargo de Kentaro Koyanagi con obras de Beethoven, Chopin, Takemitsu e Hosokawa. Este concerto de presentación será aberto na súa totalidade aos medios de comunicación, que terán a oportunidade de departir con algún dos artistas e organizadores do programa. son[UT]opías 2014 Serán Irene García e David Durán quen inauguren en Historia o día 29 o ciclo acompañados da frautista Alessandra Rombolá. A continuación terá lugar un Fórum aberto de creación musical con Federico Gardella e Noriko Miura. Pola tarde, no Museo da Fundación Eugenio Granell, artistas austríacos do proxecto Permanent Expedition presentarán intervencións sonoras e artísticas e un concerto de música electroacústica. A xornada deste primeiro día completarase cun concerto, ás 20.00 horas no Paraninfo, de Vertixe Sonora Ensemble, que interpretará obras de Isang Yun, Federico Gardella, Noriko Miura e Toshio Hosokawa. A xornada do mércores 30 contempla un fórum de presentación de obras dos compositores seleccionados e unha sesión práctica na que o artista sonoro Ángel Faraldo explicará os aspectos históricos, metodolóxicos e prácticos da creación musical con sistemas de retroalimentación acústica, electrónica ou dixital. A tarde dese día desenvolverase no Auditorio de Galicia cunha conferencia do crítico musical Paco Yáñez titulada ‘Recoñecerse Oriente en Occidente’ acompañado de Pablo Coello ao saxofón e un encontro aberto con Toshio Hosokawa. A partir das 21.00 horas a Real Filharmonía de Galicia dirixida por Paul Daniel e con Haruna Takebe ao piano interpretará obras de Mozart e Hosokawa. O programa remata o día 31 cunha master class con Hosokawa dirixida a compositores e compositoras. O músico xaponés participará tamén nun panel de lectura con Vertixe Sonora Ensemble. Haberá tamén un concerto de Yuko Kakuta e Naoko Yoshino.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.07.2014.