A sostibilidade do territorio pasa pola súa reordenación con criterios agroecolóxicos, defenden investigadores agrarios

A sustentabilidade do territorio rural alén da da produción intensiva e doutros condicionantes físicos require dunha perspectiva agroecolóxica, segundo se puxo de manifesto este xoves no marco da sesión plenaria do XII Congreso de Economía Agraria, un foro científico promovido pola Asociación Española de Economía Agraria que cita ata este venres a máis de 200 investigadores de universidades españolas e Iberoamericanas na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC.
O profesor honorario da Politécnica de Madrid José Manuel Naredo e Gloria Guzmán, da Universidade Pablo de Olavide reivindicaron a necesidade de rescatar a perspectiva agroecolóxica na ordenación do territorio e tamén nos cultivos para avanzar cara a un territorio sustentable no marco da sesión plenaria ‘O Territorio rural máis alá da produción: intensificación, límites físicos e medio ambiente’.
Os relatores protagonistas nesta sesión salientaron asemade que a implementación de criterios agroecolóxicas antóllase como unha das alternativas máis acaídas para tratar de mitigar os estragos que está a producir a chamada agricultura industrial sobre o territorio. Neste senso, os poñentes tamén apuntaron a conveniencia de poñer límites e controlar mobilización e o emprego de recursos alleos, en aras a protexer a súa mellor conservación.
A sesión plenaria moderada polo profesor da USC David Soto serviu de punto de inflexión da segunda xornada deste congreso internacional, a cuxos debates contribuíron decenas de participantes coa presentación de comunicacións orais e pósteres de temática relacionada con políticas agrarias e comercio internacional, cadeas de valor e asociacionismo no sistema agroalimentario; alimentación, consumo e márketing; medio ambiente bioeconomía e cambio climático; produción, xestión e organización empresarial e, entre outros, desenvolvemento rural e territorio sostible.
A dinamización do sector agropecuario e forestal a través da cooperación e dos clústeres agroalimentarios interesados na promoción de iniciativas innovadoras e sostibles capitalizará as sesións e a plenaria programada para este venres na xornada de clausura dun congreso que atopa entre os seus obxectivos salientar e poñer de relevo a importancia da análise da sostibilidade dos actuais modelos de consumo e produción agroalimentaria, gandeira e forestal no contexto territorial no que se desenvolven.
A profesora da Universidade Pública de Navarra Mercedes Sánchez actuará como moderadora da plenaria monográfica sobre cooperación e clústeres agroalimentarios como elementos de dinamización do medio rural, na que intervirán como relatores o profesor e investigador universitario do Reino Unido Davide Parrilli Bournemouth, Juan Vázquez Gancedo, do Clúster Agroalimentario de Galicia; Sandra Aguirre, xerente de Nagrifood (Clúster Agroalimentario de Navarra), e María Teresa Ambrós Mendioroz, da Subdirección xeral de Innovación e Dixitalización do Ministerio de Agricultura.
O programa do XII Congreso de Economía Agraria, un foro científico que está a resultar un éxito de participación e tamén polas numerosas contribucións científicas, chegará ao seu colofón este venres, ás 13.00 horas, no salón de actos da EPS de Enxeñaría, cunha sesión de clausura na que intervirán a adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera; o conselleiro de Medio Rural, José González; ademais de representantes do Concello de Lugo e do comité organizador.
Naredo, Guzmán e Soto, na plenaria sobre territorio