Ir o contido principal

A spin-off da USC Cilenis asóciase con Marc Vidal, un dos analistas económicos e impulsores de proxectos tecnolóxicos máis influentes de España

Marc Vidal, primeiro pola esquerda, reuniuse con integrantes de Cilenis no edificio Emprendia da USC
Marc Vidal, primeiro pola esquerda, reuniuse con integrantes de Cilenis no edificio Emprendia da USC

Nacida no seo dun grupo de investigación da USC, a start-up Cilenis camiña cara á internacionalización coa incorporación como socio da empresa de Idodi Labs, a compañía de Marc Vidal, especialista en emprendemento e nova economía. O acordo permitirá a Cilenis contar co coñecemento e experiencia dun dos analistas económicos máis prestixiosos no ámbito español e internacional. A incorporación de Idodi Labs como socio de Cilenis supón un paso adiante na evolución dunha das spin-off nacidas do seo da USC con máis proxección. Dedicada ao desenvolvemento de produtos e solucións nos campos do procesamento da linguaxe natural e a enxeñería lingüística, é a primeira empresa galega que consegue o apoio de Marc Vidal, explican os promotores da start-up. Este acordo permitirá contar co mentoring, coñecemento e experiencia de Vidal, apoio no desenvolvemento técnico e económico e o impulso no proceso de internacionalización, para o que Cilenis disporá das sedes de Idodi en cidades como Londres, Dublín, Panamá, Boston, Os Ánxeles, Lisboa e Kuala Lumpur, entre outras. O acordo concretouse esta semana nunha reunión de Marc Vidal co equipo de Cilenis no edificio Emprendia da USC. A xornada incluíu un almorzo con profesionais vinculados ás TIC da Universidade de Santiago e do ámbito empresarial, como Alberto Lázaro (Tuapli), José Ramón Pichel (Imaxín Software), Manuel Quintanar (subdirector do Hostal dos Reis Católicos), Mabela Casal (directora da Biblioteca da USC) e os membros de Cilenis Isaac González e Pablo Gamallo, con Juan José Gómez, xerente de Unixest, como anfitrión. Novo impulso para Cilenis A asociación de Cilenis cunha figura de gran proxección pública e referencial no eido do emprendemento e a nova economía supón un impulso a este proxecto nado en maio de 2011 e con clara vocación internacional. É unha empresa spin-off creada por membros do grupo de investigación ProLNat@GE da USC, dirixido polo profesor e investigador Pablo Gamallo. Cilenis ofrece produtos e solucións avanzadas nos campos do procesamento da linguaxe natural e a enxeñería lingüística, aplicando o desenvolvemento tecnolóxico aos recursos lingüísticos. Trátase dun campo con importantes perspectivas de futuro. Marc Vidal a través de Idodi detecta e impulsa novas empresas tecnolóxicas nas que ve potencial competitivo. Cilenis convértese así no primeiro proxecto galego ao que se suma Idodi Labs para apoiar o seu desenvolvemento. Marc Vidal e Idodi Labs Marc Vidal é un analista económico especializado en nova economía, seleccionado en 2010 como unha das dez persoas máis influentes de Internet en España. Logo de traballar como consultor en modernización e internacionalización de grandes empresas, emprendeu unha nova etapa profesional centrada nas start-ups, empresas innovadoras cun gran potencial de crecemento. Fundou cinco empresas nos últimos cinco anos, que dan traballo a máis dun cento de persoas en América e Europa. O seu principal proxecto na actualidade é Idodi, que agrupa Idodi Internacional, Idodi Corporate e Idodi Labs. É a través desta última que Marc Vidal crea e impulsa novos proxectos, construíndo unha rede de empresas tecnolóxicas da que agora forma parte a galega Cilenis.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2012.