Ir o contido principal

A spin-off da USC Cilenis busca en Lisboa ser finalista da competición internacional Building Global Innovator

A spin-off da USC Cilenis Language Technology (www.cilenis.com) acaba de ser seleccionada como semifinalista, na área de Tecnoloxías da Información e Internet, na 4ª edición do Building Global Innovator co proxecto Avalingua, avaliador automático de textos escritos. A empresa conta cun equipo promotor de formación pluridisciplinar en informática e lingüística vinculado á liña de investigación ProlNat@GE (Procesamento da Linguaxe Natural) que coordina Pablo Gamallo (CITIUS). En proceso de incubación no Edificio Emprendia da USC, Celenis traballa en solucións e produtos relacionados coa enxeñaría lingüística e o procesamento da linguaxe natural. Building Global Innovator é unha competición internacional de emprendemento con base tecnolóxica, patrocinada polo Programa MIT Portugal, ISCTE-IUL (Instituto Universitário de Lisboa) e coa colaboración do MIT (Massachusets Institute of Technology) e a Caixa Capital. O obxectivo da convocatoria é asesorar e incentivar proxectos con alto potencial tecnolóxico e de innovación, particularmente na etapa de busca de investimentos. O proxecto Avalingua é un software que avalía automaticamente o nivel de lingua escrita en catro idiomas: español, inglés, portugués e galego. A partir dun texto ou un conxunto de textos, analiza, detecta e clasifica os erros cometidos en ortográficos, léxicos ou gramaticais. Emite un informe de visualización rápida e engade estatísticas e gráficos do nivel de corrección. Esta ferramenta está deseñada para un uso individual, favorecendo a autoaprendizaxe, pero sobre todo para uso colectivo, pensada como instrumento para a aula ou como método de avaliación nas escolas, institutos e outras institucións de ensino.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.07.2013.