Ir o contido principal

A spin-off da USC Cilenis presentouse no CiTIUS

Isaac González presentou o catálogo de produtos de Cilenis nun acto no CiTIUS
Isaac González presentou o catálogo de produtos de Cilenis nun acto no CiTIUS

O co fundador e director de Cilenis, a spin-off da USC especializada en tecnoloxías da linguaxe, Isaac González, presentou oficialmente a empresa este venres 30 nun acto celebrado no Centro Singular de Investigaicón en Tecnoloxías da Información (CiTIUS). Cilenis inclúe no seu catálogo diversas ferramentas lingüísticas que abranguen dende analizadores de sentimentos ata recoñecedores de entidades e conxugadores en diferentes idiomas, como o galego, o español, o portugués e o inglés. A compañía iniciou a súa actividade en 2011 como spin-off universitaria, gañando nese mesmo ano o Primeiro Premio como Proxecto Empresarial Innovador. En 2012, o empresario e analista económico Marc Vidal converteuse en socio de Cilenis, adquirindo parte da compañía a través da empresa IDODI Labs. O pasado ano Cilenis lanzou o portal de ferramentas lingüísticas Linguakit, que ofrece ao gran público os últimos avances en tecnoloxía lingüística. O seu proxecto estrela é Avalingua, un software de corrección automática que permite avaliar o nivel lingüístico de documentos escritos galardoado coa Mención de Honra no MIT Building Global Innovators 2013.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.01.2015.