A spin-off Xuntos organiza un taller de benestar emocional
A spin-off da USC Xuntos. Atención Psicológica y Psiquiátrica organizará ao longo de cinco sesións de 90 minutos de duración un taller de benestar emocional que dará comezo o vindeiro mes de abril. A psicóloga Patricia Otero impartirá este obradoiro que axudará aos/ás participantes a aprender estratexias para axudar a mellorar o estado anímico, aprender a gozar das situacións cotiás, fomentar a autoestima e a afirmación persoal, mellorar as relacións persoais, afrontar as adversidades con éxito e aprender a lograr o equilibrio e a felicidade. O taller celebrarase os martes 8, 22 e 29 de abril e 6 e 13 de maio con grupos de mañá (en horario de 10.00 a 11.30 horas) ou de tarde (de 18.30 a 20.00 horas) nas instalacións de Xuntos (r/Sempre en Galiza, 9-2ºE, Santiago). Para formalizar a inscrición é necesario enviar un correo electrónico ou chamar por teléfono achegando os datos persoais e a preferencia de horario. Dado que o número de prazas é limitado, a inscrición realizarase atendendo á orde de inscrición. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 881. 256.238 ou dirixirse ao correo xuntos [at] xuntospsicologia.com (xuntos[at]xuntospsicologia[dot]com). Xuntos. Atención Psicológica y Psiquiátrica, S.L., é unha spin-off dedicada á atención clínica e á formación en psicoloxía e psiquiatría e asesorada polos profesores Fernando Lino Vázquez e Ángela Torres.