Stat Wars aterra en Compostela o 17 de novembro

Preto de 40 centros de toda Galicia xa confirmaron o seu interese en participar na xornada ‘Stat Wars: o despertar dos datos’, unha actividade dirixida a alumnado de ESO e de Bacharelato para transmitirlle que, ademais dunha profesión de futuro, a estatística pode ser unha ferramenta imprescindible en distintas disciplinas (medicina, economía, medio ambiente, xornalismo, ...) para resolver situacións e problemáticas ás que hoxe en día se enfronta á sociedade. En Compostela, Stat Wars celebrarase o 17 de novembro de 11.00 a 13.00 horas no Teatro Principal.
Este proxecto lidérao o grupo interdisciplinar de Bioestatística da USC (GRIDECMB) que dirixe a profesora Carmen Cadarso Suárez en coordinación coa Universidade Carlos III de Madrid. O proxecto conta co apoio da Rede Nacional de Bioestatística (Biostatnet) e está co financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Tamén colaboran o Concello de Santiago e a empresa Biostatech SL.
O formato, que o equipo promotor cualifica de innovador e atractivo, busca fomentar a participación dos mozos e mozas e posibilitará unha aprendizaxe de forma divertida. Nun único evento, a xornada comezará con charlas e visualizacións de vídeos sobre temas de actualidade que xerarán o debate entre quen asista. Posteriormente están previstos xogos e concursos nos que o alumnado participará de xeito individual ou en grupo. Dado que o aforo está limitado a 400 prazas estableceuse un lista de agarda.
Para resolver calquera dúbida, as persoas interesadas poden contactar cos organizadores a través do correo electrónico proyecto.statwars [at] usc.es (proyecto[dot]statwars[at]usc[dot]es) ou no teléfono 881.812.283. Tamén é posible atopar máis información en redes sociais, nomeadamente en Facebook e Twitter .