Pola súa reputación e produción investigadora, o ránking Best Global Universities sitúa a USC entre as 500 mellores do mundo
O ránking Best Global Universities de US News & World Report sitúa a USC como a oitava universidade de España e a 409 de entre as 500 mellores institucións universitarias do mundo atendendo á súa reputación e á investigación académica. Esta nova listaxe inclúe centros de ensino superior de Estados Unidos e de preto de 50 países máis. O conxunto de institucións referenciadas foron clasificadas en función de dez indicadores que pretenden medir o rendemento da investigación e a reputación nun contexto internacional. US News pretende con esta listaxe ofrecer unha ferramenta ao estudantado para “ explorar as opcións de educacións superior que existen máis alá dos seus países de orixe e comparar aspectos claves dos distintos centros”.
A partir dos datos de Thomson Reuters InCitesTM, avaliáronse os datos dun total de 750 universidades, seleccionadas á súa vez en función dos resultados acadados na enquisa mundial de reputación de Thomson Reuters e do número de artigos publicados nos últimos cinco anos. O seguinte ordenamento da clasificación respondía á ponderación dunha serie de criterios que atenden á reputación global (12,5% do total do valor final acadado), reputación no continente de orixe (12,5%), publicacións científicas (12,5%), número de artigos altamente citados (12,5%), impacto da citación normalizado (10%), citacións totais (10%), porcentaxe de artigos altamente citados (10%), colaboracións internacionais (10%), número de doutores premiados (5%) e porcentaxe de doutores de cada universidade premiados (5%).
O listado de universidades españolas está encabezado pola de Barcelona (96 do mundo) e integrado ademais pola Autónoma de Barcelona (160), Autónoma de Madrid (210), Valencia (256), Pompeu Fabra (272), Complutense de Madrid (290), Granada (308), Politécnica de Catalunya (409), Santiago de Compostela (409), Zaragoza (438), Politécnica de Valencia (448) e Sevilla (489). Sen puntuar, tamén figuran a de Sevilla, Carlos III, Córdoba, La Laguna e Lleida.