Ir o contido principal

É suficiente con ser patriota para ir á guerra?

Nova conferencia no Paraninfo do ciclo ‘100 anos da guerra que cambiou a sociedade’

O profesor de historia contemporánea da Universidade Paul-Valéry Montpellier III Frédéric Rousseau participa este mércores 15 no ciclo 100 anos da guerra que cambiou a sociedade coa conferencia ‘É suficiente con ser patriota para ir á guerra? Repensar as mobilizacións de 1914 desde as ciencias sociais’. Rousseau analizará, ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade, o momento da entrada na guerra. Mentres que a corrente historiográfica dominante salienta o éxito das mobilizacións de 1914 e asegura que os franceses, ao igual que os outros pobos combatentes, entraron na guerra invadidos por un forte patriotismo, para Rousseau existiron moitos outros factores, sobre todo de tipo social, que propiciaron ou contribuíron ao éxito das mobilizacións de 1914. Frédéric Rousseau combina a docencia e a investigación no campo da Historia Contemporánea e desde setembro de 2014 dirixe, ademais, a Maison des Sciences de l'Homme de Montpellier. As súas investigacións céntranse tanto nas sociedades en guerra da época contemporánea como nas relacións entre o cidadán e o Estado, os testemuños, a fotografía, a cuestión da memoria histórica e a museoloxía. A súa obra La Guerre censurée. Une histoire des combattants de 14-18, que se publicou en 1999 e vén de ser reeditada por Seuil, inclúe agora un novo epílogo titulado Revisións, no que Rousseau realiza unha lectura crítica da súa obra. 100 anos da guerra que cambiou a sociedade No ciclo, que dirixe o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández en colaboración coa Fundación Barrié, especialistas internacionais achegan a súa mirada sobre a primeira gran conflagración que sacudiu a Europa do século XX dende as súas respectivas áreas de coñecemento: historia, cine, socioloxía ou literatura.

Á conferencia deste mércores seguiranlle dúas intervencións máis na sede da Fundación Barrié na Coruña da man de Ángel Luís Hueso Montón, que proporá unha reflexión sobre a capacidade do cinema como testemuña e intérprete do acontecido hai cen anos, e de Eduardo González Calleja, que aludirá á guerra encuberta das potencias belixerante en España. De xeito complementario celebraranse tres proxeccións de documentación da BBC coa primeira gran guerra como fío argumental.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.10.2014.