Ir o contido principal

Suma de esforzos a prol dunha medicina xenómica de vangarda

O acordo asegura a cobertura financeira do programa ata 2022. FOTO: Santi Alvite
O acordo asegura a cobertura financeira do programa ata 2022. FOTO: Santi Alvite
Universidade, Consellería de Sanidade, Servizo Galego de Saúde e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica asinaron este luns un acordo dotado con máis de 600.000 euros que asegura a cobertura financeira do programa ata 2022
Santiago de Compostela

O reitor Antonio López e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asinaron este luns, nun acto celebrado por videoconferencia, un convenio de colaboración entre a USC, a Consellaría de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, para a obtención de datos de xenotipado, actividades científicas e de investigación entre outras, no ámbito da Medicina Xenómica. Para este convenio, a Consellaría de Sanidade destinará un importe total de 669.962 euros. Esta cantidade asegura a cobertura financeira do programa ata 2022.

Con este convenio preténdese materializar e regular a colaboración entre a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e a Universidade de Santiago de Compostela, que conta cun nodo do Centro Nacional de Xenotipado (CeGen-USC). Esta colaboración enmárcase na  realización de traballos destinados á obtención de datos de xenotipado de variantes xenéticas e análise de niveis de metilación, en mostras de ADN humano para a súa posterior análise e diagnóstico. Os beneficiarios deste convenio serán os usuarios do Sistema Público de Saúde de Galicia, a través do acceso a nodos de información xenómica moi importantes, para a mellora do diagnóstico e tratamento de doenzas que inciden negativamente na calidade de vida das persoas.

O convenio contribúe a garantir o acceso da cidadanía a probas xenómicas útiles que precisen, en condicións de equidade, e a través da definición dunha carteira de servizos de Medicina Xenómica baseada en criterios de seguridade e eficiencia.  Asemade preténdese promover o desenvolvemento dunha Medicina Xenómica competitiva en Galicia tanto no ámbito clínico, como no da investigación molecular; dispor de recursos tecnolóxicos e humanos necesarios para o eficaz desenvolvemento da investigación xenómica en Galicia; ou promover a coordinación dos servizos hospitalarios da rede sanitaria pública galega neste eido, así como a creación de equipos multidisciplinares.

Antecedentes

O 16 de xaneiro de 2019 formalizouse un Convenio Marco de actuación entre a USC e a  Consellería de Sanidade para o desenvolvemento de actividades científicas, pedagóxicas, de investigación e outras que sexan de interese para as partes no ámbito da medicina xenómica, mediante a sinatura de acordos ou convenios específicos de colaboración. No marco da investigación xenómica e molecular, a USC conta, dende 2003 co anteriormente citado nodo do Centro Nacional de Genotipado, definido como plataforma tecnolóxica e que actualmente forma parte da Plataforma en Rede de Recursos Biomoleculares do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII).

A reunión desenvolveuse por videoconferencia
A reunión desenvolveuse por videoconferencia
Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.04.2020.